Inicio Carballo ao día Hemeroteca O equipo de 1º de Bacharelato do IES Parga...

A CITA SERÁ NO AUDITORIO DE GALICIA EN SANTIAGO O 4 DE MAIO

O equipo de 1º de Bacharelato do IES Parga Pondal competirá representando a Carballo na fase galega do Club de Debate

Venres 5 de abril do 2013

O tema que tiveron que defender os rapaces e rapazas foi: "Débese promover o consumo de produtos galegos". Nunha primeira parte un dos equipos tivo que defender a postura a favor e o outro en contra, e nunha segunda intercambiaron os roles amosando así a súa capacidade para debater e asumir os puntos de vista opostos sobre un mesmo asunto, unha capacidade de debater coa que, segundo Regueira, debe contar unha sociedade "para avanzar e para percorrer un longo camiño". A pesares do consello do Concelleiro de Normalización Lingüística, que lles recomendou "quitar os nervos e pasalo ben", a maioría dos participantes deixaron sentir as súas inquietudes nas primeiras intervencións, aínda que mostraron máis soltura segundo foron avanzando as quendas, que consistiron nunha fase de exposición inicial, dúas de refutación e unha de conclusións para cada equipo en cada unha das posturas. O xurado, formado integramente por mulleres xornalistas ou con experiencia en debates, tívoo difícil para decidir o resultado da eliminatoria, tendo que valorar aspectos como a capacidade de convicción, a orixinalidade e pertinencia da argumentación, a capacidade de atraer atención, a seguridade e manexo da situación, a capacidade de improvisación, oratoria e linguaxe, a calidade lingüística, a comunicación non verbal o uso de material de apoio ou a capacidade para traballar en equipo. Finalmente, serán os rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato os que asistan a Santiago de Compostela para intentar gañar o premio autonómico, que consiste nunha viaxe de fin de semana para un máximo de 25 persoas centrada en contidos culturais.

Compartir: