Inicio Carballo ao día Hemeroteca Despois da escasa resposta dos bancos, a...

O OBXECTIVO É AXUDAR AOS AFECTADOS POLOS DESAFIUZAMENTOS

Despois da escasa resposta dos bancos, a Comisión de coordinación social aposta polos particulares para crear unha bolsa de vivenda

Martes 9 de abril do 2013

Así, o obxectivo é acadar a resposta dos particulares que contan con vivendas baleiras. As vantaxes para os propietarios serían múltiples e quedarían plasmadas nun convenio marco. O Concello comprometeríase a garantir que a vivenda sería devolta en perfecto estado, asumindo a administración local os arranxos dos posibles danos derivados do aluguer, incluíndo, por exemplo, labores de repintado. Así mesmo, os propietarios estarían exentos de pagar todos os impostos e taxas municipais relacionados co mantemento da vivenda, como o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) ou a taxa do lixo. Outra das opcións que se estudaron é a de consultar a adhesión ao programa Aluga da Xunta, que ten como obxectivo favorecer o mercado de aluguer de vivendas en Galicia, promovendo a incorporación ao mesmo de vivendas desocupadas de titularidade privada. Porén, este programa contaría coa contrapartida de que moitos dos alugueres incluídos exceden con moito as cantidades que poderían considerarse como alugueres sociais para unha vila como Carballo, de aí a necesidade de seguir tentando que os particulares colaboren. Estiveron presentes na Comisión de Coordinación Social o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Silvana Castro; representantes de todos os grupos políticos municipais ademais do BNG con José Antonio Viña, polo PSOE; Manuel Andrade, por TEGA; Miguel Ángel Ferreiro, polo PP; e representantes de Cruz Vermella, de Cáritas Parroquial e dos Servizos Sociais Municipais.

Compartir: