Inicio Carballo ao día Hemeroteca A realidade laboral e os segredos da...

VENRES 12 ÁS 21.00 HORAS E DOMINGO 14 ÁS 18.00 HORAS

A realidade laboral e os segredos da cociña galega nas propostas teatrais dos Venres Culturais para a fin de semana

Xoves 11 de abril do 2013

Mónica García, a protagonista do espectáculo xunto con Guillermo Carbajo, explica que as cinco pezas ironizan sobre "o absurdo das entrevistas de traballo". Trátase de "Traballo lixo", sobre "os niveles de abuso que pode chegar a aturar a xente por conseguir un traballo"; "Punto.com", sobre unha persoa maior de 40 anos que considera que é imposible que poida acceder de novo ao mercado laboral; outra peza sobre o "enchufismo na administración pública"; unha peza de Manolo Cortés sobre a espera de dúas persoas que optan a unha entrevista para traballar nunha ETT; e para rematar "Executiva vs bolseiro", no que as tornas cambian e o entrevistado faille pasar un mal rato ao entrevistador. Dirixida por Alex Sampayo, a peza conta cunha mención a mellor texto e outra a mellor música nos premios María Casares.

O domingo 14 de abril comeza o ciclo En Familia dos Venres Culturais, dedicado ao público máis infantil e familiar. Principia cun espectáculo de teatro a cargo da compañía ferrolá Teatro dos Ghazafelhos que presenta "Bon Appètit". O público máis novo poderá desfrutar dunha comedia en clave de clown de tres chefs que amosan os secretos da tradicional cociña galega: son Antua de la Sardiní, Phipil de Toucignom e Fransuá de la Berenxem. Na proposta aparecen os típicos ingredientes para pasar unha tarde de risas: explosións, tortazos, malos entendidos, etc. Teatro dos Ghazafelhos céntrase fundamentalmente no teatro de monicreques, animación e teatro actoral especializándose en propostas para público familiar. Este espectáculo comeza ás 18.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). As entradas poden reservarse no 981 704 300 nas oficinas da Concellaría de Cultura. O prezo ordinario é de 3 € e de 2 € o prezo reducido. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos.

Compartir: