Inicio Carballo ao día Hemeroteca Concello e Xunta ultiman os detalles do convenio...

OCUPARÁN VARIOS ESPAZOS NA NAVE 2 DO RECINTO

Concello e Xunta ultiman os detalles do convenio que plasma o traslado das oficinas de Emprego e Medio Rural ao Fórum

Venres 12 de abril do 2013

As novas dependencias ocuparán un espazo de 900 metros cadrados e suporán para a Xunta o aforro dos aproximadamente 45.000 euros anuais que se invisten no pagamento de alugueres en locais para as oficinas destas tres consellerías en distintos puntos da capital municipal carballesa. O Concello espera que este traslado, ademais de supoñer un aforro para a administración autonómica sexa tamén unha vantaxe para os veciños e veciñas, que terán no mesmo edificio o servizo local de promoción do emprego e a oficina autonómica da mesma área, así como para a revitalización do barrio da Milagrosa. O recinto Fórum Carballo conta cun total de cinco edificios dos que dous están destinados a servizos administrativos e como espazo de exposicións e congresos (naves 1 e 2); e tres están destinados especificamente a acoller talleres formativos: as naves 3, 4 e 5. A 3 está reservada para os talleres de soldadura e pintura, módulos de electricidade e un taller de automoción. No edificio 4 atópanse as instalacións para o sector da hostalería e para os obradoiros de carpintaría de madeira e metálica, ademais de aulas e servizos asociados. Por último, no edificio 5 está a área dedicada á construción, cun espazo para o taller de cantería, e unha aula de informática.

Compartir: