Inicio Carballo ao día Hemeroteca Presentados corenta e seis traballos ao IX Premio...

A CAMPAÑA "GÚSTAME O GALEGO" VISITA O IES ALFREDO BRAÑAS

Presentados corenta e seis traballos ao IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2013

Luns 15 de abril do 2013

Así mesmo, e no eido da normalización lingüística, hai que lembrar que a campaña "Gústame o galego" volve a Carballo, agora ao IES Alfredo Brañas, o martes 16 de abril de 10.00 a 13.00 horas. "Gústame... que non me traduzan o café con leite". "Gústame... que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño". "Gústame... o galego ata no carné de identidade". "Gústame... como empezan a falar galego @s pequerrech@s". Estas son algunhas das suxestivas frases coas que o alumnado e profesorado dos IES Alfredo Brañas se poderán retratar para dicir que lles gusta o galego tan só despois de que a semana pasada o puideran facer no IES Parga Pondal (na imaxe). "Gústame o galego" é unha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normaliza­ción lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situa­cións. Os obxectivos desta acción son visibilizar e difundir o apoio de persoas a nivel individual ao proceso de normalización lingüística, favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego, provocar unha mínima reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións e achegar tanto a espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en todos os ámbitos, e facéndoas visibles a través de persoas concretas.

Todas as fotos que se sacan nos diversos lugares por onde vai pasando a campaña son difundidas despois nas redes sociais, e pódense ver no enderezo <www.gustame.gl>. Tamén se pode ver un pequeno vídeo sobre a campaña en Youtube. Nesta optimista, enérxica e exitosa campaña que chega a Carballo xa participaron nos diversos lugares nos que estivo máis de 1.000 persoas a nivel individual, tanto anónimas como coñecidas, como por exemplo Luís Tosar, Luís Iglesia, Yolanda Castaño, Tonhito de Poi, Mónica Caamaño, Rubén Riós, Manuel Rivas, Touriñán, Federico Pérez, Comba Campoi, etc. A campaña está desenvolvida pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e para a súa visita a Carballo conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Antes de chegar á capital de Bergantiños pasou por Pontevedra, Silleda, Carnota, Vigo, Ourense ou Santiago, e nas próximas semanas estará por Ames, A Coruña, Ferrol, Moaña, Narón, Burela, etc.

Compartir: