Inicio Carballo ao día Hemeroteca Presentadas un total de 1.923 alegacións...

A COMISIÓN DE URBANISMO REUNIRASE A MEDIADOS DE MAIO

Presentadas un total de 1.923 alegacións ao PXOM carballés, das que 1.400 están referidas ao medio rural do municipio

Xoves 18 de abril do 2013

Ademais de falar do futuro, durante a xuntanza da comisión, de máis de dúas horas de duración, debatéronse varios aspectos do proceso para tentar chegar a acordos de mínimos entre todos os grupos da corporación e co equipo redactor. Así, finalmente houbo unanimidade para apoiar as propostas acerca dos fondos edificables elaboradas pola Oficina Técnica e o equipo redactor a primeiros de marzo e que pretenden reducir o máis posible o número de edificios que quedarían fóra de ordenación unha vez que o PXOM reciba a aprobación definitiva. Así, debido á diferenza existente entre os fondos edificables (distancia máxima entre a fachada do inmoble e a parte posterior) permitidos tanto polas normas subsidiarias dos anos 80 como polo PXOM aprobado en 2003 e os fondos autorizados polo planeamento que está en proceso de aprobación, un certo número de vivendas do casco urbano quedarían fóra da ordenación, unha situación que debe ser regulada. Así mesmo, houbo acordo durante a comisión á hora de establecer aquilo que está fóra da ordenación na súa totalidade e do que está fóra da ordenación parcialmente. Porén, haberá que ir concretando máis no futuro, especialmente no que respecta á exclusión parcial motivada polas alturas dos edificios.

Por último, a xuntanza da Comisión de Urbanismo tamén supuxo a realización dun balance dos meses de exposición pública do documento Durante este período contabilizáronse 5.473 visitas de 2.704 persoas distintas na páxina web municipal <www.carballo.org> na que estivo dispoñible o documento, pero ademais quedaron rexistradas 217 consultas co equipo redactor no recinto Fórum Carballo, onde atendían ao público interesado mediante cita previa, nas tardes dos xoves. Hai que engadir que o número de visitantes para examinar o documento durante a exposición pública no Fórum coa axuda dos técnicos municipais foi moi elevado, ademais das arredor de 1.100 persoas que se informaron a través de xuntanzas nos centros sociais das distintas parroquias.

Compartir: