Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo prepara no Fórum as primeiras...

VENRES 31 DE MAIO E SÁBADO 1 DE XUÑO

Carballo prepara no Fórum as primeiras xornadas dedicadas integramente á formación profesional e á empresa

Martes 23 de abril do 2013

O programa concreto de actividades aínda non está confirmado, aínda que está previsto invitar a institucións de fóra co Concello, da comarca ou mesmo da Coruña. Así, as xornadas contarían coa presenza de stands de cada un dos institutos carballeses, ademais do IES Ponteceso, centro invitado, así como do Concello e Axober, nos que habería información concreta sobre ofertas de cursos, axudas empresariais, servizos, asociacións, ofertas laborais, etc., todo orientado á formación e ao emprego. Algúns dos obradoiros que terían lugar e que se están concretando estarían relacionados coa hostalería, matemáticas, informática, reparación de equipos, etc., con charlas sobre a iniciativa empresarial e emprendedora, a fiscalidade ou os sistemas de financiamento das empresas que comezan. De cara ao sábado pola mañá, estase traballando para contar cun Taller de Nutrición Terapéutica, unha charla da Fundación Amancio Ortega, a presenza dun Proxecto educativo do País Vasco ou unha mesa redonda para reflexionar sobre a Formación Profesional. No apartado lúdico, a organización prepara unha Lan Party a modo de "festa dixital" na que os rapaces e rapazas poderían traer os seus ordenadores dende o venres ao mediodía e estar durante 24 horas conectados a Internet intercambiando información, programas, xogos, etc. Así mesmo, está previsto que o venres pola noite poida organizarse un concerto lúdico con grupos da zona.

Nos próximos días a organización irá concretando o programa e ofrecendo máis detalles sobre este I Foro da Formación e a Empresa. Nesta xuntanza de traballo celebrada no Fórum ás 12.00 horas estiveron presentes os directores dos tres institutos carballeses, así como representantes da Cámara de Comercio e Axober, ademais do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; e o director do Centro Municipal de Formación, Juan Lorenzo.

Compartir: