Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Irlanda de Martin McDonagh con Il Maquinario...

VENRES 26 E DOMINGO 28 DE ABRIL

A Irlanda de Martin McDonagh con Il Maquinario Teatro e as composicións do cantautor Roger de Flor: nos Venres Culturais

Mércores 24 de abril do 2013

Il Maquinario é unha compañía recentemente creada por artistas novos titulados pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A dirección da peza e dramaturxia corren a cargo de Tito Asorey, mentres que os protagonistas no escenario son Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez. Na presentación do espectáculo, Asorey explicou que con esta peza "poñemos en pé un teatro que estabamos desexando facer e non tiñamos oportunidade". Segundo o director da obra, McDonagh é un autor que "conecta dun xeito extraordinario con algún substrato galego", especialmente "coa maneira de entender a vida, a morte e o humor", o que facilita a conexión do público co texto. Explica que se trata de "teatro de moita intensidade co que nos xogamos o tipo en cada función". O seu interese é sustentarse no traballo colectivo, pretendendo crear un novo tipo de relación co público. Os interesados en comprobalo, tan só teñen que reservar as entradas, nun máximo de 4 por persoa, no 981 704 300; ou mercalas o mesmo día da función no despacho de billetes do Pazo da Cultura dende dúas horas antes do comezo da función.

Despois da intensidade do teatro de McDonagh, o domingo 28 chega unha proposta dirixida aos máis cativos e cativas. O cantautor de Trasancos Roger de Flor volve por terceira vez a Carballo para ofrecer unha escolma do seu mellor repertorio acompañado pola súa banda, Os Silvestres, cos que gravou o seu último traballo, integramente en galego, e que en breve sairá ao mercado. Neste caso presenta no auditorio do Pazo da Cultura un concepto para toda a familia, unha proposta lúdica, divertida e moi participativa. Como di o propio Roger, "este é un concerto vitalista, para que todos vaiamos para a casa cargados de enerxía". Swing, pop ou rock son algúns dos ritmos que poderemos escoitar neste percorrido pola música do autor de Fene. Neste caso, a cita, incluída no ciclo En Familia, é ás 18.00 horas. O prezo da entrada é de 3 € (de 2 € con desconto) e a duración prevista do espectáculo é de 60 minutos. As entradas poden adquirirse do mesmo xeito que as da función do venres.

Compartir: