Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rapaces e rapazas de Canarias, Badajoz,...

ESTADÍA DUNHA SEMANA VISITANDO A COMARCA E A VILA

Rapaces e rapazas de Canarias, Badajoz, Valladolid e Valencia conviven con alumnado do Parga Pondal grazas á Agrupación ARCE

Xoves 25 de abril do 2013

Durante a súa estadía, os representantes de Valladolid, Badajoz, Valencia e Fuerteventura conviviron co alumnado do instituto carballés e as súas familias, ademais de visitar numerosos puntos de interese da comarca, como o refuxio de Verdes, o espazo natural de Razo-Baldaio, o Cabo Fisterra, a Fervenza do Ézaro ou o Dolmen de Dombate, e de fóra dela, como Santiago de Compostela. O xoves 25 ás 19.30 horas é o acto de despedida antes de que volvan ás súas localidades respectivas. O programa ARCE (Agrupación en Rede de Centros Educativos) é unha iniciativa do Ministerio de Educación e Cultura (MEC) que se está a levar a cabo en todo o territorio español dende o ano 2006. O proxecto ten como finalidade establecer canles de colaboración para formar agrupacións e redes de centros ou institucións do ámbito educativo de diferentes comunidades autónomas, a través da elaboración dun proxecto común, co fin de compartir experiencias, así como manter e xeneralizar iniciativas de innovación que faciliten melloras na práctica educativa. O IES Isidro Parga Pondal participa a través dun proxecto leva o título "Redes para convivir en positivo" e foi o único concedido en toda Galicia na temática de Convivencia nos Centros Educativos. Esta agrupación implica traballar en colaboración con centros doutras comunidade autónomas durante os cursos 2011-2012 e 2012-2013 para desenvolver aspectos relacionados coa convivencia.

Estas mobilidades son posibilidades de enriquecemento cultural e persoal, ademais dunha oportunidade para o centro, para o profesorado e para o alumnado de coñecer realidades educativas distintas ás súas. Os eixes fundamentais do programa son dous principios básicos: a importancia da cooperación e colaboración de toda a comunidade educativa para conseguir unha educación de calidade; e os espazos de autonomía dos centros, que lles permiten adecuar as súas actuacións ás características do alumnado, ás circunstancias do centro ou aos desexos do profesorado, co obxectivo final de mellorar a calidade da educación. A través deste programa de cooperación territorial pódese:

- Intercambiar experiencias
- Establecer un marco para o debate e a reflexión conxunta
- Favorecer a creación de vínculos e redes educativas
- Colaborar no desenvolvemento curricular
- Descubrir os elementos diferenciadores da diversidade cultural e social
- Elaborar e difundir materiais que poidan ser de aplicación en diferentes ámbitos educativos

Os interesados e interesadas poden consultar a resolución do BOE na que se aproba o programa nesta mesma nova, así como descargar a guía ARCE 2011. TAmén é posible descargar o programa de actividades que desenvolveron na última semana.

Compartir: