Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación ou...

CREACIÓN DUN FONDO SOCIAL DE VIVENDAS

O pleno aborda a aprobación ou modificación de seis ordenanzas e o convenio de traslado das dependencias da Xunta ao Fórum

Venres 26 de abril do 2013

Xunto coa ordenanza fiscal de terrazas, a sesión propón a aprobación da modificación do texto refundido da Ordenanza de circulación e utilización das vías públicas no que respecta ás terrazas de hostalería. Neste caso, a modificación estaría destinada a reforzar a seguridade das terrazas en aspectos como a mellora da súa visibilidade. O pleno inclúe tamén a aprobación da Ordenanza fiscal nº 18 reguladora das taxas do Conservatorio Profesional de Música para o curso 2013-2014. Determínase unha suba das taxas do 5 por cento, un pouco superior á suba do IPC. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar que, a pesar da suba, as taxas só cobren o 31,75 por cento do mantemento do servizo, que é deficitario nuns 200.000 euros. Coa suba do 5 por cento o Concello pasará a achegar o próximo curso 189.526 euros. Hai que resaltar que o Conservatorio acolle alumnos de máis de 17 concellos da contorna. Seguindo coas ordenanzas, a sesión inclúe a aprobación da Ordenanza fiscal número 28 reguladora das taxas por actividades e servizos de control animal. Por esta normativa, regularanse os servizos da Canceira municipal, como por exemplo o pago pola estadía de animais nas instalacións, por sacrificio humanitario, ou pola adopción, que custaría 50 euros e incluiría a vacinación e desparasitación, os trámites administrativos, a colocación dun microchip e o rexistro do animal.

A orde do día recolle a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e depuración de augas residuais. Con esta medida quedaría fixado en 14 metros cúbicos o consumo mínimo estimado para o canon de saneamento nas vivendas da zona rural que carecen de contador, fronte aos 18 metros cúbicos que están establecidos na actualidade. E pechando o apartado de ordenanzas, a sesión recolle a aprobación inicial da Ordenanza Municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e da realización de determinadas obras menores. Esta norma supón a aplicación da Directiva europea Bolkestein, tamén coñecida como Directiva de servizos. Aínda que foi aprobada en 2006, non foi ata hai pouco que as administracións estatal e autonómica aplicaron as directrices desta normativa, polo que o Concello non puido incorporala até o de agora ás normas municipais. Entre os cambios que supón, está o feito de que os establecementos que queiran iniciar a súa actividade e que non estean sometidos a un informe sectorial só teñan que comunicarllo ao Concello, sen máis xestións. O obxectivo final da normativa é contribuír a axilizar trámites administrativos.

Convenio para o traslado das dependencias da Xunta ao Fórum

Nunha sesión con moitos puntos na orde do día, o pleno recolle a aprobación da adhesión a un Convenio para a creación dun fondo social de vivendas. Así, segundo o acordo da Mesa de Coordinación Social, lévase ao pleno a inclusión nun convenio marco da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para poder formar parte dunha bolsa de vivendas que funciona grazas aos gobernos locais que elaboran os informes sobre a situación dos solicitantes e informan sobre o fondo aos cidadáns. Con isto, conseguiríase ter a disposición da futura bolsa carballesa un total de tres vivendas de tres entidades financeiras distintas. E tamén no apartado de convenios, abórdase a proposta de aprobación do Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo. Con este acordo trasladaríanse as dependencias da Oficina de Emprego (da Consellería de Traballo e Benestar) e das oficinas consellerías de Medio Rural e Mar (Oficina Agraria Comarcal) e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (neste último caso con seis persoas do distrito ambiental II do Servizo de Conservación da Natureza) situadas en distintos puntos da vila ao complexo Fórum Carballo, a un espazo de 900 metros cadrados na planta baixa e primeiro andar da Nave 2. A cesión de uso sería gratuíta e por un prazo de 25 anos para poder desenvolver as actividades administrativas relativas aos departamentos citados. A Xunta asumiría os gastos derivados de limpeza e mantemento das instalacións, así como auga, electricidade e saneamentos. O custo anual estimado sería de 10.860 euros ao ano, fronte aos arredor de 45.000 que a Xunta gasta na actualidade nos locais que aluga na capital municipal.

No apartado de mocións, está incluída unha proposta do PP sobre os problemas de saneamento na parroquia de Bértoa. Esta moción obtivo un ditame desfavorable da comisión informativa, xa que o goberno local considera que xa se está traballando para solucionar o problema coa substitución dunha bomba dos pozos de bombeo na parroquia. Así mesmo, o Alcalde considera que os requisitos técnicos esixidos na moción non son asumibles polo Concello. Por último, no apartado de seguimento de órganos de goberno, inclúese a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería de cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co primeiro trimestre de 2013, un informe que as administracións locais deben facer público obrigatoriamente. Segundo este documento, o Concello ten abonado dentro do período de pago un total de 498 facturas por 1.190.191,28 euros e fóra deste período un total de 14 por 208.493,11 euros. O período medio de pago é de 10,97 días e o de pago excedido de 8,25 días. A 31 de marzo o Concello non ten ningunha factura pendente de pago, nin ten pendentes intereses de demora.

Compartir: