Inicio Carballo ao día Hemeroteca O "Foro sobre o Camiño Escolar"...

A MOSTRA "CARRAPUCHIÑA CAMIÑA SOA": NO FÓRUM CARBALLO

O "Foro sobre o Camiño Escolar" reflexiona sobre os mecanismos para mudar Carballo nunha vila amábel para infancia e cidadanía

Venres 26 de abril do 2013


O Concello xa está traballando cos centros de ensino e, sobre todo, coas nais e pais dos nenos e nenas, pero tamén procurando a colaboración da Policía Local, clave para o éxito da iniciativa. Despois destes primeiros pasos, Regueira explica que o Pedibús muda nun proxecto transversal máis amplo en colaboración coa área de urbanismo a través da Oficina Técnica ou coas áreas de educación ou deporte para que "nun curto prazo teñamos un Carballo diferente ao que temos na actualidade". Así, o obxectivo é tamén fomentar que os adultos se integren de novo na vila, por exemplo co "Metrominuto", un proxecto pioneiro do Concello de Pontevedra que xa ten sido imitado noutros puntos de España ou que pretenden incorporar grandes cidades europeas. Trátase dun mapa sinóptico que inclúe as distancias a pé entre os principais puntos dunha vila ou cidade, co tempo aproximado que se tarda en percorrelas. Indica tamén a situación dos principais elementos de mobilidade (estacións, aparcadoiros, etc.) ademais das sendas e paseos fluviais. Regueira avanzou que a área de Urbanismo xa está traballando na elaboración dun para Carballo, "máis modesto" que o de Pontevedra, pero que "favoreza que a xente se desprace por Carballo sen empregar o coche".

O obxectivo final da xornada, segundo Regueira, é "tirar conclusións e aprendizaxes que contribúan a que o proxecto que queremos poñer en marcha en Carballo sexa exitoso a medio prazo". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, fixo fincapé na fonda transformación de Pontevedra, que con políticas de mobilidade mudou dunha cidade "agresiva" a outra "que invita a estar, a transitar e coñecela". Por ese mesmo motivo, Carballo pode transformarse dende a "deshumanización" que a "arrasou nos anos 60 e 70" cara a outra realidade. E puxo o exemplo das rúas Coruña e Hórreo "cunha realidade económica e social totalmente diferente á de anos anteriores, cando estaba ocupada polos vehículos de rodas". O Alcalde quixo felicitar ao Concello de Pontevedra "polas boas iniciativas que están a levar" e que poden servir de exemplo para "que os cidadáns desfruten da cidade". Para contribuír a acadar este obxectivo, compartiron as súas experiencias Pilar Monterrubio, da área de Educación e Cooperación do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental); Demetrio Gómez, Concelleiro de Xuventude do Concello de Pontevedra; Daniel Macenlle, Xefe da Policía Local do Concello de Pontevedra; Juan Pérez, presidente da ANPA do CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra; e representantes da corporación, dos centros educativos e da Policía Local e tecido asociativo de Carballo.

Tamén asistiu Virginia Rodríguez, presidenta de Adega (Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia) que cualificou o proxecto de "ilusionante" xa que permitirá "que os escolares fagan algo que ata ben pouco facíamos todos, que é poder ir ao cole camiñando". Pilar Monterrubio tamén lembrou os tempos nos que "a cidade era unha cidade vivida" mentres que agora son rúas de paso" e o que é peor "roubándolle a rúa aos nenos e nenas". Dende a Policía Local de Pontevedra encargáronse de expoñer o seu caso concreto creando camiños seguros para escolares nos seus desprazamentos ao colexio, explicando os pasos que deron para poder crear as rutas en todos os colexios da cidade. Un camiño longo, con moitos tropezos, especialmente á hora de atopar voluntarios para guiar aos nenos e nenas, pero que finalmente tivo a súa reposta. Dende a ANPA do CEIP Álvarez Limeses valoraron moito a iniciativa, que salva os obstáculos converténdose nunha experiencia moi satisfactoria tanto para os responsables dos centros de ensino, como para as nais e pais e o alumnado, e incluso para os veciños e veciñas, que acaban convivindo cada día cos rapaces e rapazas que van á escola. Por último, quixeron subliñar que, dende que puxeron en marcha os camiños, non se ten rexistrado ningún accidente.

Compartir: