Inicio Carballo ao día Hemeroteca Tres voluntarios do Concello de Carballo viaxan...

CON ESTA ACTIVIDADE COMPLÉTASE A ÚLTIMA FASE DO PROXECTO

Tres voluntarios do Concello de Carballo viaxan á rexión da Puglia italiana co proxecto europeo do Banco Europeo de Tempo Sénior

Luns 29 de abril do 2013

Entre as actividades que se levarán a cabo en Italia dentro do Banco de Tempo Sénior están obradoiros de realización de bixutaría, de cociña e até unha sesión onde explican a importancia cultural dos muíños de auga na sociedade ancestral galega. Son as propostas coas que tentarán pagar a débeda que teñen cos voluntarios italianos que estiveron no Concello de Carballo en dúas estadías de 21 días cada unha, nas que desenvolveron actividades de todo tipo, moitas delas en colaboración con asociacións como APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais), Aspaber (Asociación de Nais e Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños), Senda Nova ou Nemeth. Pero non todo vai ser traballar. Nas tres semanas que estarán en Italia (regresan o mércores 1 de maio), percorrerán a costa adriática e as localidades veciñas: Bari, Conversano, Val de Itria, Martina Franca, Noci, etc., pois a idea do proxecto, ademais de promover a aprendizaxe, continúa ao longo da vida das persoas e de revitalizar os Bancos de Tempo municipais, é a de coñecer outras culturas, polo que nada mellor que mergullárense nela de cheo a través da experiencia en varios puntos da rexión. Sen dúbida, unha experiencia que todo o mundo debería ter, cando menos, unha vez na vida.

Os interesados e interesadas poden obter máis información sobre o proxecto Senior BoT, poden facelo premendo aquí.

Compartir: