Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primavera enDanza cumpre once anos no escenario...

ENTRE O 3 E O 12 DE MAIO

Primavera enDanza cumpre once anos no escenario do Pazo da Cultura achegando esta disciplina ao público carballés

Luns 29 de abril do 2013

No que respecta á programación de sala, principia o venres 3 de maio coa compañía galega Entremans que trae ao escenario carballés o espectáculo "Amediometrados", composto por tres propostas: "En la cuenca de tus ojos", "39 e medio" e "A medio metro de lo vivido". Tres pezas coreográficas onde as emocións humanas son a cor común das distancias. Entremans é unha compañía que se identifica polas súas propostas coreográficas creadas por un colectivo de artistas que traballan exclusivamente para a creación dunha nova peza. As citas continúan o sábado 11 de maio coa compañía catalana Thomas Noone Dance, que volve a Carballo, esta vez para presentar a súa última creación "Lugares extrañamente desastrosos". Trátase dun espectáculo de danza contemporánea moi dinámico e explosivo, cunha linguaxe moi expresiva, no que tamén hai sitio para o humor e a ironía. O coreógrafo británico Thomas Noone Dance crea esta compañía en Barcelona, coa intención de que as súas coreografías transmitan emocións a partir dunha forte habilidade técnica. Ambos espectáculos comezan ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e contan coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia.

Primavera enDanza remata coa programación En Familia co espectáculo "Baleadas" da compañía galega Traspediante, unha proposta moi interesante destinada a público infantil. "Baleadas" é un espectáculo cheo de maxia e imaginación: un xogo con baleas, coas cores ou co público no que a danza, a música e as artes plásticas interactúan coa tecnología do 3D. Traspediante experimenta con novas técnicas, creando sorpresas, educando a través de distintas disciplinas artísticas, sempre desde un punto de vista didáctico pero sen esquecer a diversión. A cita comeza ás 18.00 horas no Pazo da Cultura e tamén conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. No que respecta á venda de entradas, poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura, unha hora e media antes do incio de cada actuación. A reserva de entradas pode facerse no teléfono 981 704 300 ou na Concellaría de Cultura no primeiro andar do Pazo da Cultura de 10.00 a 14.00 horas. Os prezos son os seguintes: Entremans: prezo ordinario: 4€ / prezo reducido: 3€; Thomas Noone Dance: prezo ordinario: 5€ / prezo reducido: 3,5€; Traspediante: prezo ordinario: 3€ / prezo reducido: 2€.

Compartir: