Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo e L'Isle Jourdain reforzan o seu...

PERCORRERÁN A COMARCA E AS RÍAS BAIXAS, PORTUGAL E SANTIAGO

Carballo e L'Isle Jourdain reforzan o seu irmanamento coa visita de medio centenar de franceses que foron recibidos polo Alcalde

Martes 30 de abril do 2013

A presidenta carballesa do Comité de Irmanamento con L'Isle Jourdain, Carmen Rives, foi a encargada de traducir as palabras do Alcalde. Así, Ferrero tamén desexou que a "comunicación leal, intensa, fraternal e real entre L'Isle Jourdain e Carballo se manteña co paso dos anos". Así mesmo, intercambiáronse agasallos tanto entre os comités de irmanamento como entre os concellos, con presentes que van dende produtos de beleza, viño e comida, ata esculturas de Cerámica de Buño ou libros. A delegación francesa estará na vila coas familias de acollida e nun hotel até o sábado 4, en que partirán de regreso a primeira hora. O martes 30 de abril está previsto que viaxen ás Rías Baixas, baixando ata A Guarda para ver o Castro de Santa Tegra e facendo noite en Valença de Minho, en Portugal. De regreso, o mércores pararán en Santiago antes de volver a Carballo. O xoves pola mañá está previsto que percorran o mercado e a vila, e que os membros máis novos do grupo visiten a aula bilingüe de francés do IES Monte Neme da capital municipal. Pola tarde, está previsto que coman en Balarés (Ponteceso) e visiten o Castro de Borneiro (Cabana). O venres pasarán o día na Coruña, mentres que pola noite está previsto celebrar unha pequena festa de despedida no Pazo da Cultura.

Compartir: