Inicio Carballo ao día Hemeroteca A VIII Semana do Libro e a Lectura esperta a...

PASARÁN POLO PAZO DA CULTURA MÁIS DE 1.300 CATIVOS E CATIVAS

A VIII Semana do Libro e a Lectura esperta a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria

Martes 30 de abril do 2013

Dende a AS-PG, Carmen Vilariño manifestou que "o espírito da cita é que a lectura fai pensar e a lectura dá que pensar", xa que "crea persoas con acceso á información", ademais de que a lectura "é un instrumento fundamental para o éxito escolar", polo que debe fomentarse entre os cativos e cativas e entre as familias. Respecto do programa, o auditorio do Pazo da Cultura acolle o domingo 5 de maio ás 12.30 horas o acto inaugural, que estará conducido polo clown Peter Punk e que contará coa dramatización "O Arco da Vella", interpretada polo alumnado do CRA Ponte da Pedra; e a interpretación da canción "O Tren", por parte do alumnado de 3º de Primaria do CPR Artai. Despois do punto de partida, todos os días da semana (agás o xoves 9, en que hai folga na educación) haberá no Pazo da Cultura actividades concertadas cos centros de ensino entre as 9.30 e as 14.00 horas. Trátase de obradoiros de maxia, banda deseñada, de creación de historias, contacontos, ou un obradoiro de percusión. Pola tarde, hai citas abertas a todo o público a partir das 18.30 horas, con contacontos, circo, teatro e música a cargo de compañías como Baobab ou Migallas Teatro ou de artistas como Manolo Panforreiteiro. Por último, ademais da exposición dos materiais achegados polos centros de ensino inspirados polo lema "A toda máquina", poderán visitarse no mesmo horario unha exposición de libros cedidos por distintas editoriais e a mostra "Parafusos, alambiques e birleques" cedida pola AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).

Para Vilariño, a Semana do Libro e a Lectura de Carballo "xa é todo un referente cultural", especialmente pola boa resposta coa que conta cada edición. Luciano Calvo, presente na presentación da iniciativa en representación de Conservas Calvo, manifestou a súa satisfacción por "colaborar dende hai tres anos xa coa Semana do Libro e sempre con moi bo nivel". Subliñou que é a primeira vez que Calvo participa a través da Fundación Luis Calvo Sanz e espera que se siga asumindo o patrocinio no futuro "con programas aínda máis ambiciosos". Para o Alcalde é fundamental "incidir nas idades máis temperás" para acadar o fomento da lectura e desexou "que a programación sexa masivamente secundada como en anos anteriores". Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: