Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno para a aprobación e...

APRAZADO O VISTO E PRACE PARA A ORDENANZA DA CANCEIRA

Luz verde no pleno para a aprobación e modificación de cinco ordenanzas e para a adhesión a un fondo social de vivendas

Martes 30 de abril do 2013

A orde do día recollía tamén a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e depuración de augas residuais. Con esta medida queda fixado en 14 metros cúbicos o consumo mínimo estimado para o canon de saneamento nas vivendas da zona rural que carecen de contador, fronte aos 18 metros cúbicos que están establecidos na actualidade. E pechando o apartado de ordenanzas, a sesión supuxo a aprobación inicial da Ordenanza Municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e da realización de determinadas obras menores. O obxectivo final da normativa é contribuír a axilizar trámites administrativos para actividades como por exemplo as licenzas de apertura ou de inicio de actividade, entre outros. Nunha sesión con moitos puntos na orde do día, o pleno ratificou a adhesión a un Convenio para a creación dun fondo social de vivendas. Así, aprobouse a subscrición dun convenio marco da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para poder formar parte dunha bolsa de vivendas do "banco malo" pola que se conseguiría ter a disposición dos carballeses e carballesas con problemas de desafiuzamentos un total de tres vivendas de tres entidades financeiras distintas.

Traslado das dependencias da Xunta ao Fórum

Tamén no apartado de convenios, recibiu luz verde o Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo. Con este acordo trasladaríanse as dependencias da Oficina de Emprego (da Consellería de Traballo e Benestar) e das oficinas consellerías de Medio Rural e Mar (Oficina Agraria Comarcal) e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (neste último caso con seis persoas do distrito ambiental II do Servizo de Conservación da Natureza) situadas en distintos puntos da vila ao complexo Fórum Carballo, a un espazo de 900 metros cadrados na planta baixa e primeiro andar da Nave 2. A cesión de uso sería gratuíta e por un prazo de 25 anos e a Xunta asumiría os gastos derivados de limpeza e mantemento das instalacións, así como auga, electricidade e saneamentos. O custo anual estimado sería de 10.860 euros, fronte aos arredor de 45.000 que a Xunta gasta na actualidade nos locais que ocupa na capital municipal. Por último, a corporación rexeitou unha moción do PP sobre problemas de saneamento na parroquia de Bértoa e durante a sesión deuse conta do Informe de Intervención e Tesourería de cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co primeiro trimestre de 2013. Segundo este documento, o Concello ten abonado dentro do período de pago un total de 498 facturas por 1.190.191,28 euros e fóra deste período un total de 14 por 208.493,11 euros.

Compartir: