Inicio Carballo ao día Hemeroteca O primeiro Día Autonómico do...

VENRES 17 DE MAIO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS

O primeiro Día Autonómico do Pequebasket congrega en Carballo a máis de 300 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos

Venres 3 de maio do 2013

As actividades están ordeadas, segundo informa Ferraces, arredor de tres espazos ben diferenciados: o pavillón Bergantiños, co espazo de xogo e as pistas no que poderían estar 100 nenos a un tempo; un espazo na rúa cortado ao tráfico con inchables, xogos e un mini circuíto de educación vial no que poderían estar outros 100 nenos e nenas; e por último, unha zona de quecemento onde os participantes poderían prepararse para entrar á cancha. Ferraces quixo subliñar o "grande interese" que está espertando esta iniciativa en toda Galicia, xa que está prevista a presenza de cinco equipos de Ourense, e tamén de equipos de Vigo ou Ferrol, entre outros. O Pequebasket está organizado polas Escolas de Basket Xiria, o Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto (Fegaba). En representación do Concello, Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica, quixo agradecer a implicación do Basket Xiria, xa que as súas iniciativas supoñen "unha das maiores atraccións turísticas deste Concello". Así, a organización estima que, ademais dos 300 nenos e nenas, poderían vir arredor de 900 acompañantes que encherán ese día as rúas de Carballo. Para Regueira "estas persoas nos coñecen, degustan os nosos produtos e coñecen a nosa paisaxe", algo "impagable" para a promoción turística da vila.

Francisco Martín, presidente da Fegaba, mencionou que incluso a Federación Española de Baloncesto "ten valorado moito este proxecto", e subliñou que "unindo o esforzo de clubs deportivos e de políticos quen gaña é a vila", ademais de resaltar o valor "turístico e cultural" de iniciativas como esta. A Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín, salientou que nun día como o do Pequebasket, os nenos e nenas "aprenden valores e leccións que estará toda a vida na mente dos cativos", ademais de ser unha cita que "fomenta a amizade e o xogo limpo". Por último, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a vontade do Concello de "seguir apostando por un modelo deportivo que nos singulariza e nos fai fortes", e que é o das escolas deportivas. Agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores e entidades implicadas, e especialmente de Conservas Calvo, que estivo representada na rolda de prensa por Luciano Calvo, "porque sempre está aí". Os interesados e interesadas poden descargar nesta nova o cartel anunciador da cita en formato pdf, así como información detallada do evento.

Compartir: