Inicio Carballo ao día Hemeroteca Mariña Pérez Rei, escritora e...

ENTREGA DO PREMIO: O MÉRCORES 15 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

Mariña Pérez Rei, escritora e profesora, gañadora do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Martes 7 de maio do 2013

Mariña Pérez Rei (Ames, 1966) é escritora e profesora. Como escritora ten publicados poemarios como "Fanerógama" (2006), "Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante" (2009) ou "Paquidermo" (2010). En narrativa é autora de obras como "Canícula" (2007), "Costa necrópole" (2010) ou "Contrapicados" (2012). Gañou premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lureiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Como profesora exerce no instituto de Brión. O xurado do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Carlos M. Callón Torres, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e gañador da edición de 2012; Xurxo Chapela, xornalista carballés; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.

O xurado agradécelles a todos/as os/as autores/as a súa participación e sinala que «a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», e que «a calidade dos traballos presentados é alta», polo que anima aos autores e autoras non premiadas a difundiren e publicaren igualmente os seus artigos. Nas oito edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos Callón. O artigo gañador publicarase nos medios de comunicación colaboradores o domingo 19 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterior a esa data no caso dos medios non diarios.

Compartir: