Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo pon en marcha "enCántame! en...

DÍAS 16, 17 E 18 DE MAIO NA SALA A RESERVA

Carballo pon en marcha "enCántame! en galego", un ciclo de concertos de grupos en galego de estilos modernos e variados

Mércores 8 de maio do 2013

Ulträqäns é un dos grupos máis exitosos e que non faltou a ningún dos mellores festivais do panorama galego, a onde levou sempre o seu punk folk progresivo desde a Coruña con potentes, orixinais e festeiros temas no seu repertorio. A banda está formada por frauta, percusión, baixo, guitarra e voz. Balakandra é un sexteto de folk fusión procedente de San Sadurniño, nacido en 2004 a partir do mítico grupo Saraibas. Letras comprometidas e música que fai unha viaxe polo mundo con paradas no country e o bluegrass dos Estados Unidos, nos sons latinos de Brasil ou Cuba, nos clubs de jazz americanos e nos frenéticos ritmos do este de Europa, unha longa viaxe coa mellor locomotora, o folk galego. Con todo isto, os concertos de Balakandra non deixan indiferente a ninguén, atrapando ao público nesta fermosa viaxe. En 2012 publicaron o seu primeiro disco, de título homónimo.

Ataque Escampe é un dos grupos máis orixinais do panorama galego, que escriben as súas letras con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n'roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído, e ruído optimista. Andan polos escenarios desde 2001 e produciron exitosos discos como Galicia es una mierda (2008), "A grande evasión" (2009), "Violentos anos dez" (2011) ou "Noites de agosto" (2012). Do pop á americana con paradas no krautrock, na cumbia, no tango, no rap, etc. Este inicio do programa "enCántame! en galego" faise coincidir no marco das Letras Galegas, mais a pretensión é darlle continuidade noutras épocas do ano. Os interesados e interesadas poden consultar as páxinas web de cada uns dos grupos en tres ligazóns nesta mesma nova.

Compartir: