Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno presenta unha proposta para aforrar...

XUNTANZA DE VOCEIROS MUNICIPAIS NA CASA DO CONCELLO

O goberno presenta unha proposta para aforrar preto de 150.000 euros ano ano no subministro e mantemento do alumeado público

Mércores 8 de maio do 2013

Ademais da substitución das lámpadas por LED, outras medidas de mellora e eficiencia enerxética que se porían en marcha suporían a substitución dos centros de mando pendentes de renovar; a eliminación das proteccións diferenciais en todos os cadros; a instalación dun sistema de monitorización e xestión enerxética que permita tanto a xestión do mantemento como a xestión enerxética centralizada; ou a instalación dun sistema de avisos de incidencias permanente que permita resolver os problemas en menos de 24 horas. A empresa concesionaria debería asumir a xestión enerxética do subministro, control de calidade, cantidade e uso; o mantemento preventivo e condutivo das instalacións; a reparación, substitución ou modificación dos elementos obxecto do contrato por fin de vida útil ou obsolescencia; a realización e financiamento das obras de mellora que fomenten o aforro e eficiencia enerxética; e a incorporación doutras medidas a maiores que fomenten o aforro de enerxía. A prestación do servizo enerxético revisaríase anualmente, segundo a variación das tarifas eléctricas, e o contrato recollería fórmulas de reaxuste por incremento ou diminución de puntos de luz ou centros de mando.

O goberno aproveitou para presentar a proposta ante os voceiros municipais porque o obxectivo é que o prego de condicións do contrato sexa debatido no pleno o antes posible. Na xuntanza estiveron presentes o voceiro do PSOE, José Antonio Viña; o de TEGA, Manuel Andrade; Juan Carlos Castro en representación do PP; Xose Regueira como voceiro do BNG; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Ademais do contrato de subministro e mantemento do alumeado, na xuntanza abordáronse algúns detalles da Ordenanza fiscal número 28 reguladora das taxas por actividades e servizos de control animal referida á canceira municipal, que quedou sobre da mesa no pleno do mes de abril e recibirá varias modificacións antes de levarse de novo ante a corporación para a súa ratificación.

Compartir: