Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Programa das Letras propón citas...

ACTIVIDADES ENTRE O 10 E O 26 DE MAIO

O Programa das Letras propón citas relacionadas coa lectura, o teatro, a música, a pintura, o deporte ou a gastronomía

Venres 10 de maio do 2013

O maratón "As letras en voces" estará amenizado, así mesmo, por varias actuacións musicais. A apertura corre a cargo da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, mentres que o peche, ás 14.00 horas, é para o Concerto das Letras da Banda Municipal de Música de Carballo. Ademais, ás 12.30 horas e da man do Casino de Carballo, coa colaboración do Concello e a Deputación está prevista a actuación de baile e música tradicional da Asociación Cultural A Marola, de Oleiros. Ademais, a Praza do Concello acolle o XXXIV Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo, organizado pola AC Lumieira. Por último, os máis cativos e cativas teñen un espectáculo de contacontos na Ludoteca ás 12.00 horas con Titereficciós e "Cantos, contos, contas", dirixido a nenos e nenas de 3 a 7 anos. Pero ademais dos actos do día 17, o Día das Letras conta con actividades que principian o venres 10 de maio, como é a cita gastronómica Carballo por Etapas, dedicada á comida galega e na que participan 19 establecementos hostaleiros do centro carballés e que transcorre nas fins de semana do 10 ao 12 e do 17 ao 19 de maio. Nos seus primeiros tres días está dedicada ao Atún Calvo e aos produtos da horta; na segunda fin de semana, está dedicada á cociña pondaliana.

O luns 13 nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo participan en Correlingua, unha carreira lúdico educativa a prol do idioma que ten lugar na Coruña a partir das 11.00 horas. O mesmo día, pero ás 20.30 horas, o Casino acolle a presentación do libro de Carlos Callón "Como falar e escribir en galego con fluidez e corrección", unha cita organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. A arte en forma de exposición non podía faltar coa inauguración da mostra de pintura "Sensacións", de María Luisa Rojo-Novais, o martes 14 de maio. E o mércores 15 celébrase o acto de entreda do IX Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, que comeza xa ás 18.00 horas coa colocación do Fotocol da campaña "Gústame o galego" no Pazo da Cultura. Porén, o acto propiamente dito principia ás 21.00 horas coa actuación do coñecido humorista, actor, autor e director teatral Carlos Blanco. Recollerá o galardón a gañadora desta edición, a escritora e profesora Mariña Pérez Rei. O xoves é a quenda doutro programa para promocionar a lingua titulado "enCántame! en galego", unha iniciativa que propón música en galego en directo e que nace cos obxectivos de visibilizar que se fai música na lingua propia e de calidade e de estilos variados. Neste inicio do programa está prevista a actuación dos grupos Ulträqäns, o xoves 16; Balankandra, o venres 17; e Ataque Escampe, o sábado 18 de maio. Os concertos son na Sala A Reserva, con apertura de portas ás 23.00 horas. As entradas teñen un prezo único de 4 € ou un bono para os tres concertos por 9 €.

Citas deportivas, teatrais e musicais para o pecheAo Programa das Letras súmase o día 17 unha importante cita deportiva, o primeiro Día Autonómico do Pequebasket, unha cita pioneira e non competitiva dirixida a cativos e cativas de entre 4 e 8 anos e que ten como obxectivo que os participantes desfruten dun día lúdico festivo e no que está previsto que participen arredor de 300 nenos e nenas. Así mesmo, esa mesma fin de semana está prevista unha importante cita do Balonmán Feminino. Ademais, o Programa das Letras fúndese co dos Venres Culturais nos seus últimos días, nos que a AC Coro Vagalume propón o sábado 18 ás 20.00 e 21.30 horas dúas citas teatrais "Monsters vs Addams" e "Engominados". O domingo 19 ás 18.00 horas é a quenda de "O club Antimachotes". O mesmo día, pero ás 18.30 horas no Local Social de Berdillo teñen lugar os Encontros Culturais Arume, un festival de música e baile tradicional: e o sábado 25 o Coro Aires de Bergantiños celebra o XXVII Concerto de Aniversario coa colaboración do Coro Canta Compaña da Coruña. O Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, quixo subliñar a presenza "dunha programación cunha oferta tan atractiva, non só para a xente de Carballo, senon para que nos visite xente de fóra". O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou a calidade dun programa "intenso e tremendamente interesante" e invitou "a todos os cidadáns da Costa da Morte" a que gocen del. O programa ao completo pode descargarse nesta mesma nova en pdf.

Compartir: