Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o 25 e 26 de maio no...

ESTÁ PREVISTA A PARTICIPACIÓN DA SELECCIÓN ITALIANA

Carballo acolle o 25 e 26 de maio no Pavillón Vila de Noia o Torneo Internacional Catro Nacións de Balonmán Feminino

Luns 20 de maio do 2013

Ademais, para completar unha fin de semana dedicada por completo ao balonmán, Bruno López informa de que está previsto celebrar varias actividades paralelas. Así, o sábado 25 o Pavillón Bergantiños acolle a fase final provincial de Categoría Infantil de 11.00 a 17.45 horas, mentres que durante a mañá tamén do sábado, de 10.30 a 12.00 horas, o Pavillón Vila de Noia acolle unha sesión de adestramento cos seleccionadores de cada un dos equipos que participan no Catro Nacións. Así, participarán nesta sesión nenas de categoría infantil e cadete de clubs das provincias de Lugo e A Coruña. Pola tarde, de 14.00 a 17.00 horas, estas mesmas nenas participarán nunha pequena competición interna antes de asistir aos primeiros encontros do Catro Nacións. Por último, e completando unha fin de semana consagrada ao balonmán, os ximnasios e o pavillón do CEIP Fogar acollen actividades para categoría pre benxamín. López quixo subliñar que o Catro Nacións supón unha excelente oportunidade para ver a xogadoras de primeiro nivel, esperándose incluso a presenza na selección galega dunha integrante da selección feminina española de balonmán. De Carballo, está previsto que estea na selección galega absoluta Jessica Pose.

O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, quixo lembrar que para Carballo "é fundamental establecer unha estratexia turística relacionada co deporte", e espera que a presenza de xoves a luns das xogadoras da selección italiana, e de venres a domingo das de Euskadi, Cataluña e Galicia, redunde positivamente no sector hostaleiro carballés e desexou "que se sigan desenvolvendo actividades deste nivel" para que cada vez máis persoas "sitúen a Carballo no mapa turístico". O Alcalde, Evencio Ferrero, describiu o Torneo Catro Nacións como "unha festa do balonmán", e desexou especialmente que sirva de apoio ao balonmán feminino.

Compartir: