Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arredor de 200 corredores e corredoras participan...

A PARTIR DAS 15.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Arredor de 200 corredores e corredoras participan no Trofeo Ciclista Concello de Carballo o sábado 25 de maio

Xoves 23 de maio do 2013

No que respecta á natureza da proba, os júnior saen ás 15.30 da Praza do Concello á altura do Mercado Municipal na rúa Gran Vía cun percorrido de 73,9 quilómetros que transcorre por Coristanco, Agualada, Coristanco, Rus e Carballo, contando con premio de montaña e meta volante. Os cadetes e as femias saen ás 18.00 horas e realizan o mesmo percorrido, só que os cadetes teñen un traxecto de 35,6 quilómetros e as femias de 16,6. O percorrido conta cunha meta volante patrocinada por Panadería Añón e situada na recta de Rus. Por último, as categorías de Escolas, Alevín e Infantil percorren a partir das 19.00 horas un circuíto urbano de quilómetro e medio de lonxitude que transcorre polas rúas Gran Vía, Doutor Fleming, Avenida de Bergantiños, Vila de Corcubión, Gran Vía e Doutor Fleming de novo, Valle Inclán, Colón e Desiderio Varela para chegar á meta de novo na Gran Vía. Os alevíns cobren tres voltas de 4,5 quilómetros e os infantís 7 con 10,5 quilómetros. Por último, hai que subliñar que os principiantes realizan unha proba de habilidade no Xardín Municipal, tamén a partir das 19.00 horas.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo "felicitar á entidade por programar esta cita en meses con tanta intensidade social, deportiva e cultural como son os de maio e xuño", o que demostra "a enorme vitalidade dunha vila como Carballo". Quixo gabar a "exemplar" capacidade organizativa do Club Ciclista Carballo-Placasa, e tamén a súa iniciativa. Manifestou que o Concello estará sempre "encantado de colaborar con entidades que fan ben as cousas" e desexou que a cita sexa todo un éxito. Pola súa banda, o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo manifestar os seus parabéns para o Club "pola ilusión que poñen neste deporte tan complexo e de tanto esforzo". Por último, Vanesa Loureiro desexou que as condicións meteorolóxicas acompañen e que o público se anime a asistir a esta cita.

Compartir: