Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación debate no pleno a...

APROBACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DE CONTROL ANIMAL

A corporación debate no pleno a creación de 41 novas prazas de Zona Azul en tres rúas do centro carballés

Venres 24 de maio do 2013

Ademais de limitar a duración do tempo en cada praza, os veciños e veciñas deben indicar no momento do aparcamento a hora de inicio do estacionamento. A ausencia desta sinalización é motivo de infracción. O horario de limitación comprende de 9.00 a 20.00 horas, agás os domingos, festivos e a tarde dos sábados. A Zona Azul tense implantado pouco a pouco no centro carballés dende o ano 2002, en que se acondicionaron as primeiras prazas na contorna da Praza do Concello para irse estendendo de xeito concéntrico a outras zonas da capital municipal. A ultima incorporación de prazas á Zona Azul aprobouse hai un ano, no pleno de maio de 2012, cando se sumaron á regulación as rúas Álvarez de Sotomaior, Gravador Manuel Facal, Luís Calvo e toda a rúa Barcelona con 64 novas prazas.

Comisión de urbanismo: na primeira quincena de xuño

O outro asunto incluído na orde do día do pleno refírese á aprobación da imposición e ordenación da Ordenanza fiscal número 28 reguladora das taxas por actividades e servizos de control animal. Este asunto quedara sobre da mesa na sesión plenaria de abril á espera dun maior estudo de certos aspectos técnicos por parte dos voceiros municipais. Finalmente, e despois dalgúns cambios que supoñen a harmonización da normativa co resto de ordenanzas do Concello, na comisión informativa do pleno de maio o texto recibiu o apoio unánime dos representantes de todos os grupos municipais, á espera da ratificación do acordo no pleno. Por esta normativa, regularanse os servizos da Canceira municipal, como por exemplo o pago pola estadía de animais nas instalacións, por sacrificio humanitario, ou pola adopción, que custaría 50 euros e incluiría a vacinación e desparasitación, os trámites administrativos, a colocación dun microchip e o rexistro do animal.

Por último, e fóra dos asuntos da sesión plenaria ordinaria, a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, explicou que o equipo redactor do documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) xa está rematando de introducir na base de datos as últimas alegacións das preto de dúas mil presentadas. Polo tanto, espérase que a Comisión de Urbanismo se reúna para comezar o seu estudo e resolución durante a primeira quincena de xuño.

Compartir: