Inicio Carballo ao día Hemeroteca O I Foro da Formación e Empresa: punto de...

VENRES 31 DE MAIO E SÁBADO 1 DE XUÑO NO FÓRUM CARBALLO

O I Foro da Formación e Empresa: punto de encontro de empresarios, alumnado e familias para abrir portas profesionais

Martes 28 de maio do 2013

A cita principia o venres 31 de maio pola mañá coas visitas dos rapaces e rapazas dos tres centros de ensino organizadores a partir das 10.00 horas, en que tamén está previsto un acto inaugural. Dende ese momento e ata as 14.00 horas, o alumnado que o desexe recibirá información sobre os ciclos formativos de Grao Medio e Superior e PCPIs (Programas de Cualificación Profesional Inicial) a través de pequenas ponencias, pero tamén, e sobre todo, a través de demostracións prácticas en stands de actividades que van dende a perruquería ata o comercio, a informática, a horticultura ou a cociña -neste caso grazas á colaboración do CIFP Paseo das Pontes, que ademais de elaborar algúns pratos ofrecerá algunha degustación-. Así mesmo, o Concello, as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e Axober expoñen as súas posibilidades laborais e profesionais ou de axudas para a formación e a inserción. Está previsto intercalar actividades lúdicas para amenizar a mañá, tales como por exemplo unha gymkana de matemáticas cun pequeno premio. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, é o momento en que as empresas teñen máis presenza, con conferencias relacionadas con tempas como a robótica, as novas tecnoloxías aplicadas ás empresas, ou o Código Técnico da Edificación. O sábado pola mañá aglutina as últimas actividades do Foro, e inclúe a partir das 10.30 horas citas máis centradas nas familias, como un obradoiro sobre nutrición saudable, un taller de fotografía ou unha presentación sobre a biblioteca do IES Monte Neme. O peche está previsto para as 13.30 horas.

Xa 40 inscritos nunha Quedada Dixital

Paralelamente a todas as conferencias e actividades, o Fórum acolle a primeira "Quedada Dixital. Carballo 2013", unha iniciativa para xogar e compartir unha experiencia dixital entre o venres 31 de maio ás 18.00 horas e o sábado 1 de xuño ás 14.00 horas. A actividade está dirixida a rapaces e rapazas maiores de 18 anos que poden incluso durmir no recinto mentres intercambian xogos, música e navegan por Internet. Até o momento xa hai inscritas 40 persoas. Dende os tres institutos carballeses amosaron a súa satisfacción por poder ter implicado a tantas entidades diferentes para sacar adiante un foro que sexa produtivo, especialmente nun momento no que o sector educativo atravesa dificultades. Fran Lago, coordinador do proxecto a través do IES Parga Pondal subliñou que tan só levan dous meses traballando neste foro, polo que o obxectivo desta primeira edición é "poñer un marco no que a partir do ano que vén a educación salga das aulas á rúa". Pola súa banda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo salientar "a capacidade de unir esforzos dos institutos, entidades e administracións", ademais de manifestar o apoio do Concello para que "esta iniciativa teña un longo percorrido e cree sinerxías nun momento complicado como o actual".

Compartir: