Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arredor de 500 rapaces e rapazas de centros de...

MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPAN NA I QUEDADA DIXITAL

Arredor de 500 rapaces e rapazas de centros de Secundaria visitan o Fórum Carballo no I Foro da Formación e Empresa

Venres 31 de maio do 2013

Durante o acto de inauguración, ás 10.00 horas do venres 31, estiveron presentes, ademais do Alcalde, o presidente de Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños), Isidro Varela Bardanca; a directora do IES Monte Neme, Ana María Alcalá; o director do IES Isidro Parga Pondal, Carlos Fernández; un representante da Cámara de Comercio, que colabora coa iniciativa; e numeroso alumnado dos institutos que encheu o auditorio da nave 1 do Fórum. A directora do IES Alfredo Brañas, Mónica Mariño, incorporouse unha vez comezado o acto. Pero xa dende antes das 10.00 horas o Fórum Carballo estivo ateigado de rapaces e rapazas, profesorado e stands informativos tan variados que trataron sobre mantemento electrónico, chapa e pintura, horticultura, xeados, cociña, imaxe e son, perruquería (na imaxe, un dos que contou con máis público) ou de ximnasia (na explanada da Praza dos Bombeiros Voluntarios). Tamén houbo presenza das tres universidades galegas ou da Consellería de Educación. Xa pola tarde é a quenda das actividades máis centradas nas empresas con temas como a robótica, as novas tecnoloxías aplicadas ás empresas, ou o Código Técnico da Edificación. O sábado pola mañá aglutina as últimas actividades do Foro, e inclúe a partir das 10.30 horas citas máis centradas nas familias, como un obradoiro sobre nutrición saudable, un taller de fotografía ou unha presentación sobre a biblioteca do IES Monte Neme. O peche está previsto para as 13.30 horas.

Un auténtico maratón de dous días para congregar a todos os sectores relacionados coa formación e o emprego nunha xuntanza participativa con seminarios, conferencias, obradoiros e coa presenza de universidades, institutos, concellos e profesionais. Unha oportunidade para que empresarios, alumnado, profesores e familias intercambien impresións para abrir novas portas laborais. Os interesados e interesadas poden consultar o programa do Foro ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: