Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno aproba a adxudicación...

AXIÑA REALIZARÁ AS ACTIVIDADES DE VERÁN DO PROGRAMA CONCILIA

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da Fase I de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso"

Luns 3 de xuño do 2013

Fóra da orde do día, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato administrativo de servizo de "Actividades de verán do Programa Concilia", que recaeu en Axiña Servizos Deportivos SL e no prezo ofertado de 18.645 euros, IVE engadido. O prezo máximo estipulado por usuario e mes para optar ao servizo será de 58 euros. O prazo de prestación será de dous meses en xullo e agosto de 2013. Tamén fóra da orde do día, aprobouse a solicitude dunha Subvención para a contratación de traballadores desempregados para Protección Civil, Emerxencias e Seguridade do Concello de Carballo ao abeiro da orde do 3 de maio publicada no DOG (Diario Oficial de Galicia) pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no ámbito de colaboración coas entidades locais. A subvención serviría para a contratación de 12 traballadores (3 encargados - condutor, e 9 peóns, por un período de doce meses). Tamén no apartado de subvencións, pero dentro da orde do día, recibiron luz verde as bases da Convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan accións no eido dos servizos sociais no ano 2013. Esta convocatoria ten por obxecto fomentar as actividades no eido dos servizos sociais que promovan asociacións e entidades sen ánimo de lucro que poidan ser consideradas de interese social para o Concello de Carballo e que axuden á poboación máis desfavorecida. Para a concesión destas axudas destinarase un importe máximo de 22.000 euros.

A Xunta de Goberno supuxo, así mesmo, a aprobación da concesión da subvención á Asociación Cultural San Xoán para o desenvolvemento das festas patronais de 2013, que se desenvolven entre o 13 e o 30 de xuño. O programa inclúe unha ampla oferta de actividades para todas as idades, algunhas delas xa anunciadas en días pasados como o concerto de El sueño de Morfeo o día grande; a celebración do festival Rockin' no Rego da Balsa; ou as actuacións de monologuistas como Rober Bodegas, ademais dos tradicionais Concurso de Cachelas, Descenso do Anllóns e Festa do Bosque. Por último, no apartado de subvencións aprobouse a solicitude de cesión en propiedade dun vehículo motobomba para o apoio á extinción de incendios ao abeiro da orde do 10 de maio da Consellería de Medio Rural e do Mar polo que se convocan axudas aos Concellos de Galicia. Para rematar, e neste caso no apartado de convenios, a Xunta de Goberno sacou adiante o Convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña e o Concello de Carballo para o desenvolvemento do "IX Curso de verán sobre Dinamización Lingüística Traballando en Lingua", que terá lugar os días 17, 18 e 19 de xullo de 2013. A sinatura do convenio por parte do reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e mais do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, está prevista o martes 4 de xuño ás 11.00 horas na Casa do Concello carballesa.

Compartir: