Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado o convenio para celebrar o IX Curso de...

DÍAS 17, 18 E 19 DE XULLO

Asinado o convenio para celebrar o IX Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que afonda na participación social

Martes 4 de xuño do 2013

Xosé Regueira aproveitou o acto de sinatura para subliñar a importancia deste curso como medio de "achegar a universidade ás vilas da provincia", especialmente "nun momento de crise como este no que as administracións teñen que ter un grao de implicación cada vez maior". Confía en que con este curso "Carballo reflexione sobre o idioma e sobre os camiños para recuperar o seu uso". O director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Xose Ramón Freixeiro Mato, quixo resaltar que "Carballo é unha das vilas que nas estatísticas sobre o uso do galego sempre sae moi ben parada" e salientou o carácter "práctico" do curso, que tamén conta con participación moi diversa. Por último, animou á participación ao subliñar que "está aberto a moita xente relacionada co activismo social e cultural, sen estar centrado unicamente na Filoloxía Galega". O prazo de matrícula xa está aberto e pode facerse até o 11 de xullo a través do web da Universidade da Coruña, clicando aquí. Os interesados e interesadas tamén poden descargar o programa ao completo de actividades, que inclúe unha sesión de xogos populares durante unha das xornadas, premendo aquí.

Intervencións, mesas e grupos de traballo ao longo de tres díasAo longo dos tres días intervirán persoas expertas, como a madrileña Carmen Espinar, da Rede Cimas, de profesionais comprometidos/as coa transformación social, que na conferencia inaugural falará sobre métodos e estratexias de implicación. Tamén se coñecerán experiencias de implicación galegas desde administracións, como o proxecto Sonda Norte, de Ribadeo, a través de Xavier Campos, ou a Rede de Entidades Amigas da Lingua, de Pontevedra, a través de Conchi Cochón; e a viceversa, con experiencias de implicación desde a base, coa intervención do dinamizador e contador Celso F. Sanmartín, do crego Rubén Aramburu ou de Paco Veiga, da Galega do Xogo Popular e Tradicional.

No segundo día, o técnico da cooperativa vasca Emun, Txerra Rodríguez, falará sobre a participación e a implicación no traballo dinamizador en Euskal Herria. A continuación, o coach madrileño e facilitador Lego Serious Play, Carlos Martínez, explicará as potencialidades do "xogo serio" para a implicación en proxectos. Da man do dinamizador burelao Bernardo Penabade, as persoas participantes coñecerán métodos, estratexias e experiencias de implicación en dinamización lingüística, e, para pechar o día, Queca Carballo presentará o Viveiro de propostas normalizadoras da CTNL, a partir do que as participantes traballarán en diversas propostas.

E xa o último día, o venres 19 de xullo, a presidenta de Implicad@s no Desenvolvemento e educadora social, Ania Piñeiro, explicará métodos e experiencias para a comunicación implicativa. Da conferencia de clausura encargarase a consultora catalá en xestión pública e participación cidadá Marta Martorell, que falará de democracia implicativa para os procesos de cambio social.

Compartir: