Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de...

PAZO DA CULTURA, PAVILLÓN VILA DE NOIA E PRAZA DO CONCELLO

Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de xuño o IV Batizado e Troca de Cordas de Abadá Capoeira

Mércores 5 de xuño do 2013

Respecto do programa deste IV Batizado e Troca de Cordas, a cita principia o xoves 6 de xuño cunha 'Roda de Abertura' no Pazo da Cultura a partir das 19.30 horas. Xa o venres 7 pola tarde e o sábado 8 pola mañá está previsto desenvolver actividades no ximnasio do Pavillón Vila de Noia, coa presenza do Professor Teco, Rogerio Araujo de Barros, que comezou a practicar esta disciplina en 1987 e que é un dos convidados á cita máis recoñecido. Xa o sábado pola tarde, a partir das 19.00 horas, o Pazo da Cultura acolle o Batizado, a cerimonia de cambio de graduación ou troco de cordas. Tamén está previsto ofrecer unha pequena obra de teatro cos máis cativos e cativas para representar a orixe da capoeira. Por último, e para pechar unha intensa fin de semana, o domingo ás 18.00 horas haberá unha exhibición cunha Roda de Capoeira na Praza do Concello, da que pode gozar o público en xeral. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo salientar que citas como esta demostran "que Carballo é un bo lugar para practicar múltiple actividade física", e quixo agradecer a boa colaboración existente sempre entre Abadá Capoeira, o Concello e o Padroado Deportivo Municipal. Subliñou que o obxectivo é "traballar para que entre todos se abran posibilidades para que a xente de Carballo faga deporte".

A capoeira naceu no Brasil da evolución de varias loitas e tradicións africanas que chegaron ao país da man dos escravos que Portugal tivo que traer principalmente de Angola (África) entre os séculos XIV e XVI. Durante o seu encarceramento, os escravos tiñan prohibido a práctica de loitas, por este motivo os historiadores apuntan que comezaron a camuflar estas loitas con outras artes. Despois da abolición da escravitude a finais do século XIX os escravos xa libres seguiron sendo explotados pola sociedade monárquica portuguesa. Lonxe de mellorar a súa condición social, organizábanse en bandas criminais de todo tipo. Este feito fixo que a capoeira fose declarada polo goberno de Brasil unha arte prohibida, estivo a piques de desaparecer pero sobreviviu grazas a que foi ensinada de maneira clandestina nos barrios máis desfavorecidos de Salvador de Bahía. Hoxe en día e grazas ao labor de Manuel dos Reis Machado (Mestre Bimba), que dotou á capoeira dun método de ensino propio e dunhas normas para a súa práctica, esta disciplina practícase en todo o mundo, celebrándose numerosas competicións como os Xogos Ibéricos, Europeos e Mundiais. Os interesados e interesadas, poden descargar o cartel anunciador da cita organizada en Carballo por Abadá Capoeira, que ten presenza en 40 países, nesta mesma nova en pdf.

Compartir: