Inicio Carballo ao día Hemeroteca O San Xoán conxuga tradición e...

ENTRE O XOVES 20 E O DOMINGO 30 DE XUÑO

O San Xoán conxuga tradición e modernidade con moita música, verbenas, cultura, deporte e a xa ineludible Festa do Bosque

Venres 7 de xuño do 2013

A comisión tentou que o programa de festas, una, segundo Lendoiro, tradicións como o patrón, o fiuncho ou as cachelas, coa música, o teatro, o deporte e a cultura en xeral. María José Souto, presidenta da comisión, explicou que, como cada ano, o segundo dela como responsable, "tratamos de facer o mellor programa posible". O pregón marca o comezo, coma sempre acompañado pola música da Banda Municipal, o xoves 20 de xuño ás 21.00 horas e corre a cargo da coñecida poetisa carballesa e muxiana Rosalia Fernández Rial, que ademais é presidenta da Asociación Cultural Lumieira. Licenciada en filoloxía pola USC, estudou acordeón no Conservatorio de Carballo, é actriz afeccionada e forma parte moi activa da vida cultural carballesa. O venres 21 é a quenda do festival Rockin', un dos pratos fortes deste San Xoán xunto co concerto do día grande. O cartel do Rockin' confórmano os madrileños Sex Museum e Layabouts, os barceloneses Stay e os vigueses Moon Cresta. Así mesmo, a DJ Sandrita Dinamita será a encargada de pinchar para animar o festival.

Ao mesmo tempo e para os menos rockeiros, o San Xoan tamén abre o programa musical o día 21 con verbena ás 22.30 horas na Praza do Concello, coa Orquestra Israel, que estrea en Carballo espectáculo, e co Grupo D'Moda. Como cada ano, as verbenas son moi importantes no programa. O sábado 22 é a quenda de as orquestras Trébol e Primera Línea de Canarias e o domingo 23 tócalle á Orquestra Compostela, as dúas citas ás 23.00 horas. Para acompañar o día grande ás 0.30 horas actúa a Orquestra Los Players's e o martes 25, á mesma hora e despois dos Fogos, anima a xa habitual Los Satélites. As últimas verbenas son o venres 28 e o sábado 29 de xuño, patrocinadas en exclusiva polos propietarios das barracas, coas orquestras Canadá, Príncipes e Delirio.

Como cada ano, non podía faltar o tradicional Concurso de Cachelas e o Descenso do Anllóns. O domingo 23 é o Concurso de Cachelas que cumpre 26 anos e reparte 1.650 euros en premios e subvencións. Até as 23.00 horas o xurado percorre os barrios de Carballo para valorar as cachelas inscritas e decidir a gañadora antes de que desaparezan baixo o lume espantando ás meigas. E o luns 25 chega outra das citas máis esperadas do San Xoán, o XVI Descenso do Anllóns, que reparte 1.460 euros entre premios e subvencións, con saída no Bosque do Añón e chegada no Parque do Anllóns. O 1º premio está patrocinado por Cervexaría La Bombonera e distingue a orixinalidade, pero tamén hai galardóns que premian a simpatía e a velocidade no descenso. Este ano o descenso serve como perfecto preludio da gran sesión de Fogos de Artificio na Agra da Lagoa, que corre un ano máis a cargo de Pirotecnia Rocha, e que, coma sempre, está prevista para as 0.00 horas.

Entre medias das cachelas e o descenso está o luns 24, o día grande, co concerto dos eurovisivos El sueño de Morfeo, que será complementado cunha verbena. El sueño de Morfeo é un grupo de música pop-rock con influencias folk formado en Asturias en 2002. Está integrado por Raquel del Rosario (voz), Juan Luis Suárez (guitarra) e David Feito (guitarra). Publicaron o seu primeiro disco, que levaba o nome actual do grupo, en 2005, e ao que seguiron "Nos vemos en el camino" e "Cosas que nos hacen sentir bien", cos que tiveron numerosos éxitos e conseguiron diferentes premios. O seu último disco é "Buscamos sonrisas", e inclúe cancións tan coñecidas como "Depende de ti" ou "Lo mejor está por llegar". El Sueño de Morfeo representou a España no festival de Eurovisión en Malmö, Suecia, baixo o nome de ESDM, interpretando a canción "Contigo hasta el final".

Outra das citas ineludibles do San Xoán é a Festa do Bosque, que pecha as festas o domingo 30 de xuño no Bosque do Añón, e que cumpre dez anos dende que se recuperou para o programa. Inclúe actividades para todas as idades, con citas xa tradicionais como o Concurso de Sobremesas, que este ano engade os licores caseiros (patrocinado por Pastelaría San Luís) ou a 115 edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel, este ano patrocinado por Tecnosos Galicia. Cada neno que participe recibirá un agasallo. A sesión vermú corre a cargo de Trastes, mentres que despois de comer a sobremesa está animada polo Grupo de Gaitas de San Cristovo e con xogos populares. Os concertos nocturnos contan coa presenza dos grupos Clave de Sol e Dude, ademais da música rock de Recambios Tucho, grupo que conta con ex compoñentes de Herdeiros da Crus.

Citas culturais e deportivas completan o programaO San Xoán tamén conta cunha importante parte dedicada exclusivamente á cultura, este ano con protagonismo das exposicións ou o teatro. No apartado teatral, ofrécense tres citas, dúas para adultos e unha para nenos e nenas dos centros de ensino do municipio. No primeiro caso, as propostas céntranse no humor dos monólogos co espectáculo "Monólogos R" con Fede Pérez e Pepo Suevos (venres 14 de xuño) e con "O umbral da estupidez", de Rober Bodegas, o sábado 15 de xuño. Para ver a Bodegas, as entradas, das que xa están vendidas a metade., poden mercarse a través do servizo de televenda de <novagaliciabanco.es>. Para os cativos e cativas o programa do San Xoán conta coa Cía Tropa de Trapo a través do Fondo Galego de Cooperación, que ofrece "Antía, Wamba e o regato pequeno" para arredor de 300 nenos e nenas de entre 8 e 10 anos. No apartado artístico, volve por estas datas a xa habitual exposición colectiva de creadores de Carballo e comarca, titulada "MINGUaRTE" a partir do xoves 13 de xuño, e desta volta dedicada á crise.

A música, con outros formatos distintos ao da verbena e os concertos, tamén ten cabida no San Xoán. As bandas municipais colaboran co programa de festas como cada ano, coa presenza tamén do Grupo de Gaitas Bergantiños de Bértoa, o Grupo de Gaiteiros e Cances, o Grupo de Gaitas Lembranzas de Bergantiños, a Banda de Música Eduardo Pondal de Ponteceso ou a Banda de Música de Cee. Hai que mencionar tamén que pecha a programación musical a XVII Mostra de Habaneras o sábado 29 de xuño. Por último, no apartado deportivo hai que mencionar moitas citas, como o Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo, a tradicional exhibición de taekwondo, o Autocross Bergantiños, ou a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo.

Outra das tradicións que se cumpren cada ano por estas datas é a publicación da Revista de San Xoán, coordinada por Xan Fernández. Ponse á venda a partires do martes 11 de xuño no Museo de Bergantiños, na Ludoteca Municipal e no Pazo da Cultura ao prezo simbólico de 2 euros. Os interesados e interesadas poden consultar o programa de festexos ao completo ou o cartel gañador, en formato pdf nesta mesma nova, así como descargar as bases do XXV Concurso de Cachelas e do XV Descenso do Anllóns.

Compartir: