Inicio Carballo ao día Hemeroteca Alberto Sueiro formaliza no pleno a súa...

LUZ VERDE PARA A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE DEPURACIÓN

Alberto Sueiro formaliza no pleno a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do PP despois de 10 anos ao frente do partido

Martes 29 de outubro do 2013

Previamente, por parte do PSOE falou José Antonio Viña, que subliñou que "onde vía un veciño vexo unha persoa que valoro e aprecio"; o líder de TEGA, Manuel Andrade, salientou que Sueiro "foi un dos poucos líderes do PP co que cheguei a entenderme" e bromeou dicindo que "cando marcha é cando a xente aposta por el"; o voceiro do BNG, Xosé Regueira, asegurou tamén entre bromas que botará de menos os debates con Sueiro, "un barómetro co que medía o meu grao de implicación marxista". E tamén o seu compañeiro Miguel Ferreiro, a partir de agora número 1 do PP carballés, quixo resaltar que Alberto Sueiro "marcha por motivos persoais e profesionais", xa que "nós estabamos encantados con el". Para Ferreiro, Sueiro "foi xeneroso na retirada e un cabaleiro da política" desexándolle, para finalizar "todos os parabéns e toda a sorte do mundo". A sesión contou con outros asuntos na orde do día, como a aprobación inicial para a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora pola taxa do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais para 2014 e da Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potable para 2014. En ámbolos dous casos o cambio supón unha suba na cota dun 0,3 por cento.

Na Ordenanza nº 10, polo servizo de evacuación á rede de sumidoiros a cota de mantemento sería de 4,60 € ao trimestre; a de consumo industrial de 0,4108 € por metro cúbico; e a de consumo doméstico de 0,1501 € por metro cúbico. No caso do servizo de depuración, o consumo industrial é de 0,4530 € por metro cúbico; e o doméstico de 0,2541 € por metro cúbico. Ademais, prodúcese unha modificación do artigo 7 da normativa no que respecta ao devengo. Así, "considerarase que comeza a prestación do servizo que da orixe ao nacemento da obriga de contribuír, entre outras, cando se formule a solicitude, ou dende que teña lugar a acometida efectiva se se levase a cabo sen autorización, ou cando se estea en disposición de recibir o servizo nos termos sinalados na ordenanza e non se solicite o preceptivo enganche". Coa modificación da taxa preténdese regularizar o servizo para que tamén pasen a pagalo os veciños do medio rural que conten con el. A modificación foi aprobada con once votos a favor. No que respecta á Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento, coa suba a cota será de 4,05 euros ao trimestre, e de 0,4108 € por metro cúbico para o consumo en 2014. Neste caso, o asunto foi aprobado por unanimidade.

Moción de TEGA e intervención contra a mina de Corcoesto

Durante a sesión tamén se ratificou por unanimidade un decreto do 16 de outubro no que se desestima un recurso especial sobre a "Contratación de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo". Así, nestes momentos está aberto un procedemento para contratar a xestión dos servizos enerxéticos e de alumeado do Concello de Carballo por un importe de 9.960.000 euros e un período de 12 anos, un proceso que continúa agora trala desestimación do recurso. E unanimidade tamén recibiu unha moción de TEGA, despois dunha pequena modificación, para "para incluír no programa de contidos transversais de Educación Primaria e Secundaria os coñecementos de primeiros auxilios, seguridade viaria, auto protección e emerxencias". A sesión rematou co punto de seguimentos de órganos de goberno. Como cada trimestre, deuse conta co Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de xullo que modifica a Lei 3/2004 do 29 de decembro, de loita contra a morosidade. Tamén se deu conta do Informe do Marco Orzamentario pola que se reservan as obrigas de subministro de información de Estabilidade Presupostaria e Sostenibilidade Financeira.

E a sesión rematou, en cumprimento do artigo 25 do Regulamento Municipal de Participación Cidadá, coa comparecencia da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, en contra da mina de ouro a ceo aberto. Tiveron o uso da palabra durante 10 minutos Raquel Bello Varela e Roi Veres Martínez para expoñer os seus argumentos en contra da mina, en representación de máis de medio centenar de veciños e veciñas que encheron o salón de plenos para defender as súas reivindicacións.

Compartir: