Inicio Carballo ao día Hemeroteca A música e a orixinalidade creativa da...

VENRES 7 DE FEBREIRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

A música e a orixinalidade creativa da compañía teatral Voadora chegan aos Venres Culturais 2014 con "Waltz"

Luns 3 de febreiro do 2014

Voadora nace en 2007 integrada polo actor-músico Hugo Torres, o produtor-realizador-músico José Díaz e a directora-actriz-artista plástica Marta Pazos. Voadora é unha estrutura con sede en Santiago de Compostela, pero o seu espírito nómade e a súa ansia de colaboración con outros artistas levoulle a desenvolver sempre os seus proxectos e residencias artísticas entre Portugal e España. Os seus traballos de investigación en creación contemporánea caracterízanse por un importante compoñente musical, estético, sorpresivo e evocador. A partir da música en vivo, a imaxinación, a ironía e o movemento, Voadora constrúe unha linguaxe moi persoal que foxe do argumental para mostrarnos que existe unha trama das sensacións, dos espazos, das emocións. Voadora recibe en 2013 o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais. O xurado decide outorgar o premio por unanimidade destacando a súa linguaxe baseada na musicalidade, o traballo realizado pola busca de novos públicos, polas novas formas de produción e pola capacidade de unir diferentes sistemas culturais tendendo pontes. Pero tamén pola capacidade de asumir riscos e ademais por ser simpáticos. Así mesmo, pola súa nova maneira de interpretar as artes escénicas, convertéronse en protagonistas nas últimas edicións dos Premios María Casares.

Compartir: