Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo organiza o primeiro festival estatal de...

AS ACTIVIDADES PARALELAS INCLÚEN UN OBRADOIRO CREATIVO

Carballo organiza o primeiro festival estatal de webseries Carballo InterPlay para xerar "alimento cultural de calidade"

Xoves 6 de febreiro do 2014

Sonia Méndez, da equipa de dirección do CIP, quixo agradecer a colaboración do Concello e a facilidade coa que están traballando. A idea xurdiu a raíz dun proxecto da Concellaría de Promoción Económica que xa está en marcha: "Derrubando muros con pintura". Así, Sonia Méndez coñece a Roberta Venanzi (Roma) e Paula Fraile (Guadalaxara), as dúas artistas que están cambiando a faciana da vila pintando murais artísticos na rúa. A través delas tomou contacto co Concello e a idea acabou tomando forma no CIP, un festival que, segundo Méndez, pretende impulsar "produtos audiovisuais cunha grande liberdade creativa". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén quixo subliñar os beneficios desta cita para a vila, xa que espera que sirva para "que se fale de Carballo, que se visite" e que acabe convertendo ao municipio "nun lugar de referencia".

O xurado estará composto por diferentes profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector. Premiarán á mellor webserie de imaxe real, á mellor webserie de animación, á mellor webserie galega, á mellor actriz e ao mellor actor. Haberá tamén neste certame Premio do Público. A contía total dos galardóns ascende a 5.000 euros e tamén se lles entregará a cada un dos premiados un trofeo, unha obra plástica do artista David Méndez Alonso. Ademais, neste I Carballo InterPlay contarase cuns "padriños de luxo", en verbas de Méndez, que son Daviz Sáinz e Teresa Segura de Different Entertainment, director e guionista e directora de produción, respectivamente, da webserie de éxito nacional "Malviviendo". Así mesmo, contarase coa presenza de Julio Garma, creador da recoñecida serie de animación "Freaklances" e impulsor do proxecto de distribución de webseries "Freaklances Project", que presentará no festival.

Obradoiro creativo para mozos e mozas no mes de marzoOutra das organizadoras da cita, Sandra Lesta, avanzou algunha das actividades paralelas que se van levar a cabo co gallo do CIP. Así, explica que as masterclass estarán abertas para todo o público que o desexe e que unha das arelas do festival é converterse "nun lugar de comunicación e de contacto coa xente", para achegar "os novos formatos audiovisuais". Así, está previsto que durante o mes de marzo se celebre un obradoiro creativo de webseries para mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que será impartido por Javi Camino. Esta actividade terá como obxectivo crear unha webserie de principio a fin, dende a elaboración do guión ata a filmación e a montaxe, incluíndo a distribución en Internet. A webserie estará ambientada e rodada en Carballo e o proxecto farase público coa súa proxección durante o festival. O obxectivo desta cita é "conseguir que a xente se involucre e que o pase ben", segundo Lesta. Durante a presentación da cita todos manifestaron a importancia da cultura, tamén como actividade económica e empresarial e desexaron que este CIP "sexa o primeiro de moitos".

Os interesados e interesadas teñen a oportunidade de consultar as bases e descargar a folla de inscrición no web do CIP que pode visitarse nesta mesma nova. O prazo está aberto até o 23 de marzo, e até o de agora xa están inscritas máis de 10 webseries.

Compartir: