Inicio Carballo ao día Hemeroteca A UTE formada por Ferroser e Ferrovial asume a...

IMPLÁNTASE UN NOVO SISTEMA DE AVISOS 24 HORAS

A UTE formada por Ferroser e Ferrovial asume a partir do luns 10 de febreiro o servizo de mantemento do alumeado público

Sábado 8 de febreiro do 2014

O novo sistema de avisos pretende mellorar a eficiencia do servizo, non só ampliando o horario de notificación ás 24 horas do día calquera día da semana, senón recollendo datos para mellorar o seguimento e resolución das avarías ou incidencias producidas. Así, recollerase información estatística como o tempo de resposta ante os avisos, en que zonas se rexistran maiores incidencias ou os pasos necesarios para solucionar as avarías co obxectivo de mellorar a xestión e redundar nun mellor servizo de cara aos veciños e veciñas. O luns 10 farase público o novo número de teléfono de notificacións e xa estará dispoñible no web a nova ligazón para acceder ao formulario de incidencias. Hai que lembrar que a UTE Xestión enerxética e alumeado público Carballo asume o "Contrato de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo" por un importe de 796.800 euros ano (IVE incluído) por un período de once anos e nove meses, o que fai un custo total de 9.362.400 euros. A UTE Ferroser-Ferrovial asume, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible no subministro; e, por outro, o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo. Mentres que a UTE se encarga do mantemento a partir do luns 10 de febreiro, a concesionaria contará con seis meses dende a sinatura do contrato para realizar a substitución das luminarias por lámpadas LED.

Hai que subliñar, así mesmo, que a adxudicataria ten ofrecido ata 19 melloras sen custo adicional destinadas a incrementar a eficiencia do servizo, tanto no seu funcionamento interno como no que respecta á atención cidadá. Entre outras melloras, hai que sinalar a colocación dun sistema de detección de roubo de cableado eléctrico, ou a instalación dun sistema de detección de presenza de viandantes nos semáforos colocados nos pasos de peóns para mellorar o seu funcionamento. A UTE instalará un punto de recarga para vehículos eléctricos e realizará un tratamento anti corrosivo nas luminarias situadas da zona costeira para frear o seu deterioro. Ferroser-Ferrovial asumirá, ademais, a dotación do alumeado festivo durante as celebracións patronais de San Xoán e de Nadal. En materia de promoción da eficiencia enerxética, a proposta inclúe a realización de campañas de sensibilización entre os escolares e a cidadanía, a realización dun curso municipal de xestión enerxética ou a promoción xeral do proxecto entre os veciños e veciñas.

Compartir: