Inicio Carballo ao día Hemeroteca A música chega aos Venres Culturais 2014...

VENRES 14 E DOMINGO 16 NO PAZO DA CULTURA

A música chega aos Venres Culturais 2014 con Sondeseu e continúa o programa En Familia con Talía Teatro

Mércores 12 de febreiro do 2014

A combinación de instrumentos tradicionais e outros procedentes do folk de Sondeseu dá lugar a un timbre único, tan característico desta formación como a enerxía que se desprende do escenario, que contaxia a toda a audiencia. Coa edición do seu cuarto disco, "Danzas Brancas", confirman a consolidación dun proxecto no que o espectáculo e o virtuosismo camiñan da man e seguen a liña da orquestra: un indiscutible selo de calidade, innovación e proxección da música de tradición oral dende a perspectiva da creación colectiva. Este novo traballo conxuga a recuperación das danzas vinculadas a celebracións relixiosas con influencias pagáns e temas de músicos galegos de recoñecido prestixio relacionados coa propia orquestra como Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz e Rodrigo Romaní, este último director de Sondeseu. O grupo ten publicado tres traballos ademais de "Danzas Brancas": "Mar de Vigo" (2004), "Trastempo" (2007) e "Barlovento" (2010).

O mundo de "Xango" para os máis cativos e cativasO ciclo En Familia continúa o domingo 16 de febreiro coa compañía Talía Teatro, que pon en escena "Xango: A moi extraordinaria historia do home que foi engulido por unha máquina". Benvidos ao máxico e dixital mundo de Xango, a historia dun home engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro atopou, das aventuras que con ela viviu e dos arrepiantes perigos que tivo que afrontar. Un espectáculo de teatro, con mimo e clown, en clave de humor, no que descubriremos as vantaxes de perigos do mundo cibernético e dos aparellos electrónicos. Esta é a última proposta dirixida a público infantil e xuvenil da vella coñecida do público carballés, Talía Teatro, dirixida por Artur Trillo. A función está prevista para as 18.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e o prezo da entrada é de 3 €, con prezo especial con desconto de 2 € para menores de 12 anos, estudantes con carné de estudante ou maiores de 65 anos. Esta obra de teatro tamén se representará o luns 17 de marzo ás 11.00 horas no Pazo da Cultura para todo o alumnado de 1º da ESO de todos os centros de ensino de Carballo que imparten estes estudos: o IES Alfredo Brañas, o IES Monte Neme, o IES Isidro Parga Pondal e o Colexio Artai.

Compartir: