Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Curso de Turismo da UDC visita Carballo por...

ENTRE O MÉRCORES 2 E O VENRES 4 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O Curso de Turismo da UDC visita Carballo por cuarto ano consecutivo coa arela de innovar o sector na Costa da Morte

Mércores 2 de xullo do 2014

O curso arrincou cunha sesión centrada nos "Marcos conceptuais e operativos para a planificación e xestión do turismo", e artellada arredor de dúas mesas redondas. A primeira, "Planificación estratéxica de destinos turísticos: a cooperación público privada", contou coa presenza de José Luís Maestro Castiñeiras, Xefe de Área de Competitividade da Axencia de Turismo de Galica, de Carlos Rodríguez Carro, de CENP-Turismo A Coruña, e de Francisco González López, Presidente do Clúster Turismo de Galicia; a segunda mesa titulouse "Importancia da accesibilidade e o transporte (portuario, ferroviario, aeroportuario e estradas) para a dinamización turística", e contou con Carlos Alberto Patiño Romarís, do Igeti, Clide Rodríguez Vázquez, da UDC, e Diego Otero, de Agavi. Esta primeira sesión deixou moitas ideas enriba da mesa, aínda que moitas das reflexións xiran arredor de dúas claves: o sector conta cunha excesiva atomización e é necesaria unha maior profesionalización dos traballadores do turismo. Francisco González fixo especial fincapé na necesidade de "poñer os pés na terra" e ao mesmo tempo comezar "unha reconversión inmediata" e nunca esquecendo que, para que o sector progrese e mellore non hai que perder de vista a "rendibilidade" dos negocios. Nesta rendibilidade tería moito que ver o "produto turístico", xa que en xeral, e en Galicia especialmente, sobran os destinos turísticos pero faltan produtos que faciliten a súa comercialización.

Durante a segunda das mesas xurdiron outras problemáticas, centradas especialmente nas potencialidades e eivas das comunicacións en Galicia e a repercusión que isto ten no sector turístico. Entre os puntos a favor, Clide Rodríguez, por exemplo, subliñou o feito de que os portos de Vigo e A Coruña están entre os peiraos do estado con máis chegada de pasaxeiros internacionais, mais tamén resaltou que hai que seguir na busca da competencia, complementación e especialización dos tres aeroportos galegos. Logo dunha intensa mañá, a tarde do mércores 2 de xullo céntrase nunha segunda sesión, titulada "Patrimonio, turismo e desenvolvemento local", con outras dúas mesas redondas. A primeira formada por Jorge Morales Miranda, Consultor en interpretación do Patrimonio, Iria Caamaño Franco, da UDC, e Manuel Pan, de Abertal, e que se centra no "Camiño a seguir para converter un recurso nun produto turístico e como comercializalo"; a segunda, titulada "Potencial do turismo enogastronómico para Galicia: importancia da cualificación e profesionalización do sector", ten prevista a presenza de Pepe Solla, da Asociación NOVE-Grupo Gastronómico, de Manuel Méndez Bello, de Gastrotur Galicia, e de Estela Portela da iniciativa <www.laresymares.com>. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova o programa completo de actividades previstas para as seguintes xornadas do curso.

Compartir: