Inicio Carballo ao día Hemeroteca Amancio Prada, Rodrigo Romaní e...

ENTRE O 4 DE XULLO E O 29 DE AGOSTO

Amancio Prada, Rodrigo Romaní e María do Ceo nun Verán Cultural 2014 que tamén trae maxia, libros, cine e folclore

Xoves 3 de xullo do 2014

No apartado musical grandes citas e grandes nomes para públicos moi diferentes. As actuacións comezan o venres 18 de xullo con Rodrigo Romaní, que despois do inevitable aprazamento do concerto previsto no Verán Cultural 2013 por motivos de saúde, presenta agora "As Arpas de Breogán", o seu último traballo dedicado ao son da arpa céltica. Composición propia e adaptacións de temas populares e de música culta compoñen un concerto para gozar en calma. A seguinte cita musical é un concerto de María do Ceo o venres 1 de agosto. O fado en estado puro dálle nome ao estilo desta artista recoñecida como unha intérprete da música tradicional portuguesa, considerada no mundo do fado como unha das grandes solistas deste xénero musical, tanto polo seu estilo de cantar como pola súa interpretación. Como cada ano, e cumprindo xa nove citas, chega a primeiros de agosto (o sábado 2) o Festival Sereas e Piratas da praia de Razo. Desta volta sorprenderá a todos os fans da cultura surf cunha xornada chea de música e deportes. Campionatos de surf, skate, long board, volei praia e outras citas para os cativos e cativas co Pequepop. A sesión vermú será para a banda viguesa Linda Guilala e, a partir das 21.00 horas actuarán Arabian Evils, Novedades Carminha, Trajano!, Nudozurdo, Tiki Phantoms e, o prato forte, que será Delorean.

Despois da cultura popeira, volverán os sons de sempre á Praza do Concello con Amancio Prada. O cantautor ponferradino regresa a Carballo logo de moitos anos para celebrar o 40º aniversario do seu primeiro disco "Vida e Morte". Este será o punto de partida para un recital de cancións e composicións que representan o universo tan característico do estilo pradiano. Este concerto é unha oportunidade única para escoitar a música deste magnífico cantautor de profundas raíces populares e de pura sensibilidade. A música folk volve o 22 de agosto con Begoña Riobó, a violinista con maior proxección no panorama musical galego. Preséntase en Carballo para dar a coñecer o seu primeiro proxecto en solitario: "Riobó". Artista completa que, ademais do violín, domina á perfección instrumentos como a zanfona e a arpa céltica, e é artista de presenza nacional e internacional, xa que forma parte das bandas de Carlos Nuñez, Susana Seivane, The Chieftains, Anxo Lorenzo ou Sondeseu, e estivo presente nos mellores festivais do mundo. Como cada ano o Verán Cultural pecha co Festival de Música e Baile Tradicional na Praza do Concello o 29 de agosto. Este ano coa presenza da Banda Municipal de Gaitas, dos Grupos de Música e Baile da AC Nemeth, dos Grupos de Música e Baile Tradicional de Arume de Berdillo e dos Grupos de Música e Baile Tradicional de San Campio de Cances. Folclore tradicional galego a través de bailes, música e vestiario do patrimonio etnográfico nunha cita máis que consolidada no calendario do verán.

Tres citas de teatro e maxia para público familiarUnha parte fundamental do Verán Cultural son as propostas para o público familiar, este ano con tres citas ás 20.00 horas no Xardín Municipal. Unha delas é a responsable de principiar o programa, o venres 11 de xullo: Os sete magníficos máis un. Regresan de novo a Carballo estes dous aloucados pallasos, que veñen dispostos a presentar o seu abraiante número de circo cheo de risco e emoción: "O Vaso da Morte". Pero, coma sempre, nada lles sae como estaba previsto. Todos os seus exercicios acrobáticos, propios dos mellores artistas circenses, convértense nunha sucesión de desastres, desencontros e accidentes. O circo e o clown únense neste espectáculo da man de Pedro Brandariz e Fran Rei no que todo o público poderá rir a esgalla. O xoves 24 de xullo chega Magín Blanco con "A nena e o grilo nun barquiño". Neste espectáculo a nena e o grilo comezan unha viaxe nun barquiño para contemplar un fabuloso mundo cheo de imaxinación, de poesía e de música. Unha historia divertida na que poderemos escoitar a fábula dun dragón namorado do rock&roll, de porquiños en bicicleta ou de insectos con moitas ganas de troula e poucas de durmir. E a programación para os máis cativos e cativas sempre conta coa maxia, neste caso o 14 de agosto con Martín Andersen e "Ilusionarte". Maxia con caixas, aparatos, xogos falados e musicais e, sobre todo, o público como gran protagonista deste espectáculo, no que a ilusión, as sorpresas e a diversión estarán aseguradas.

O Verán Cultural tamén conta dende hai xa moitos anos coa presenza da Praza dos Libros, do xoves 28 ao domingo 31 de agosto nesta edición de 2014. Catro días de animación, contacontos, música, libros, presentacións e moitas outras propostas que encherán de ilusión Carballo. Unha nova edición da feira literaria e cultural que cada ano pretende achegarlle á cidadanía a creatividade galega e as propostas máis frescas da creación literaria, musical e, en definitiva, artística. E tamén é tradición o ciclo de Noites de cine, este 2014 con vinte citas divididas entre once parroquias e a capital municipal. Son proxeccións que contan coa colaboración das entidades e asociacións do municipio e que terán lugar de martes a xoves nos meses de xullo e agosto. Ademais, este ano hai que ter en conta unha cita especial o xoves 17 de xullo en colaboración coa Academia de Cine. O Xardín Municipal acolle a proxección gratuíta da comedia de terror "Lobos de Arga", film que será presentado por un dos seus intérpretes, o actor galego Manuel Manquiña. Trátase do primeiro pase do Ciclo Gas Natural Fenosa de Cine Itinerante Galicia 2014.

Festas, romarías e actividades paralelasXunto coas citas no Xardín e a Praza do Concello e o ciclo Noites de Cine, o Verán Cultural 2014 acolle actividades paralelas, moitas delas organizadas polas asociacións veciñais e culturais do municipio. A primeira delas o venres 4 de xullo no marco da exposición "Arte e Natureza" que conta coa presenza de obras de 32 artistas de Carballo e a comarca. A sala de exposicións acolle a partir das 20.30 horas un concerto acústico do grupo Apart. A mostra tamén acollerá o venres 18 de xullo ás 20.30 horas un recital poético de Rosalía Fernández e Paco Souto. E os días 5 e 6 de xullo é a quenda de romarías e baile e música tradicional. O sábado 5 celébrase ás 19.00 horas a XX Romaría do Gaiteiro con actividades de animación, churrascada e actuación do grupo Trastes e organizada pola AC San Cristovo. Á mesma hora pero en Imende (Noicela) é a XXII Romaría Galega, unha nova edición desta festa tradicional na que haberá actuacións musicais de balde así como unha cea para as persoas asistentes. Por último, toda a fin de semana o Local Social e pistas polideportivas de Berdillo acollen o XXXIII Albaroque, unha xornada de confraternidade aberta a todos os públicos na que se expoñerán os traballos realizados polas entidades organizadoras e na que se poderá degustar unha comida popular e unha exhibición de baile, música e teatro. As actividades paralelas complétanse coas citas do Proxecto XEM de Senda Nova entre o 2 e o 9 de xullo, co X Curso de Verán de Normalización Lingüística ou coa XVII Festa do Berberecho de Noicela a finais de agosto.

Compartir: