Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 30 mozos e mozas de Italia, Francia,...

ESTARÁN EN CARBALLO ATÉ O 9 DE XULLO

Preto de 30 mozos e mozas de Italia, Francia, Eslovaquia e Galicia colaboran no proxecto XEM de defensa do medio ambiente

Xoves 3 de xullo do 2014

Así mesmo, Trigo, un dos primeiros impulsores do proxecto XEM en Carballo, tamén tivo verbas para Senda Nova, asociación á que definiu como "unha entidade moi recoñecida en Galicia", especialmente pola súa capacidade organizativa coa que lles asegurou aos visitantes que están "en boas mans". O grupo, formado por mozos e mozas de entre 18 e 25 anos, recibiu unhas bolsas con agasallos, guías turísticas e información sobre Carballo e a comarca, tanto en italiano como en galego e inglés, antes de continuar co seu intenso programa de actividades. Así, até o 9 de xullo asistirán a charlas de traballo, pero tamén a citas lúdicas como un roteiro nocturno a Pico de Meda, unha ruta diurna á Ribeira da Pena ou un concerto de despedida no Patacón o martes 8 de xullo con Os dous de sempre máis un. Entre as temáticas das conferencias, hai que subliñar unha da Asociación Galega de Apicultura ou outra cita sobre a posta en valor do bosque de Ribeira da Pena a cargo de Evaristo Domínguez Rial. Durante estes días, Senda Nova espera poder animar aos rapaces e rapazas chegados de toda Europa a reflexionar sobre o papel que deben desempeñar as novas xeracións para garantir un futuro saudable e sostible, con especial atención á modificación de comportamentos da sociedade no acceso aos recursos e co medio ambiente e a través da posta en común de proxectos de sensibilización ambiental e diferentes problemáticas de cada un dos lugares de orixe.

Respecto das asociacións que están de visita en Carballo, a primeira delas vén chegada de Košice, Eslovaquia. Trátase do Centro Voineho Casu CVC Kosice Youth Regional. É un centro que xoga un papel importante no apoio á educación non académica na rexión, así como no desenvolvemento de actividades deportivas, e constitúese nun punto de consulta para o programa "Xuventude en acción" e socio na zona Eurodesk de Eslovaquia. De París, Francia, veñen representantes de Jeunesse et Recontruction. Trátase dunha asociación xuvenil creada en 1948 e enfocada ao desenvolvemento da mocidade. Os traballos de campo e voluntariado son a base dos intercambios culturais que organizan e tamén son un punto de encontro para que a mocidade de distintos países realice traballos para a comunidade. Por último, dende Turín, en Italia, participa a Associazione Onlus Levitazione, que desenvolve numerosas actividades relacionadas coa música, o teatro, o xornalismo, o baile, o mundo audiovisual, a pintura, os xogos, etc. Son actividades creativas enfocadas a promover e estender entre a xente nova a participación activa e a cidadanía democrática. Todas traballan con Senda Nova, grazas á Unión Europea, o Injuve (Instituto da Xuventude) e o Concello de Carballo a prol de construír proxectos e estratexias para a mellora do medio ambiente.

Compartir: