Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Curso de Turismo da UDC pecha a súa...

AS ACTIVIDADES E RUTAS: UN MEDIO PARA ATRAER VISITANTES

O Curso de Turismo da UDC pecha a súa andaina reflexionando sobre a relación entre a natureza e o turismo na Costa da Morte

Venres 4 de xullo do 2014

Tania Carreira, pola súa banda, falou das rutas de sendeirismo que atravesan a Costa da Morte e que están recollidas no web <costadamortegalicia.com>. Dende Traba de Laxe, ata o Monte Pindo, a Ruta dos dólmenes de Vimianzo ou a Ruta das Férvedas de Carballo, todas ofrecen alternativas de ocio e natureza para coñecer mellor a comarca. Por último, Manuel Canosa, de <mardegalicia.com>, contou a experiencia da súa empresa que naceu en 2003 despois da catástrofe do Prestige e que durante a última década ten evolucionado para adaptarse aos novos tempos e ás novas situacións que deixa a crise económica. Segundo Canosa, resulta moi difícil competir con grandes operadores como Trivago, mais o intentan ofrecendo, especialmente aos peregrinos, unha experiencia completa que vai dende o aloxamento a actividades recreativas, rutas de sendeirismo ou experiencias como o surf ou o mergullo. Os retos dos últimos tempos son "readaptar a oferta ao tipo de cliente" e "crear un produto novo", centralizando nun mesmo lugar o maior número de servizos posible.

Porén, as eivas que os expertos consideran que ten o sector turístico foron repetíndose durante todas as xornadas, e seguen aí, converténdose nos retos de futuro. A falta de coordinación entre o sector privado e a administración pública, a falta de profesionalización e tamén a mala comunicación que existe entre todas as persoas relacionadas co sector son algúns dos problemas que se repiten. Tamén se repiten as potencialidades da zona, como son un medio natural que se vende por si mesmo e a presenza de iniciativas como o Camiño dos Faros, que poden converterse nunha forma de promoción "impagable", segundo explicaba o Concelleiro de Turismo de Carballo, Xosé Regueira, para atraer visitantes á comarca. Serán agora os profesionais do sector quen teñan que tirar as conclusións e traballar para mellorar as perspectivas de futuro.

Compartir: