Inicio Carballo ao día Hemeroteca O X Curso de Verán sobre...

UN TOTAL DE 60 PERSOAS TRABALLAN EN LINGUA NO FÓRUM CARBALLO

O X Curso de Verán sobre normalización lingüística aborda as claves dunha maior transmisión interxeracional do galego

Mércores 9 de xullo do 2014

Dende a CTNL, Rosa Moreiras quixo agradecer a celebración desta cita "unha das contadísimas oportunidades para as persoas que queremos traballar en lingua". Segundo Moreiras, a transmisión do galego entre a mocidade "é unha cuestión imprescindible" se "queremos que siga sendo día" para a lingua e non chegue "o solpor". Pola súa banda, Valentín García Gómez, expresou que dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística "é unha satisfacción" ver como cada ano o curso avanza na súa andaina "cada vez con maior asistencia e interese". Admitiu que "nas cidades e nos contextos máis urbanos a transmisión do galego faise máis difícil", unha circunstancia que se agrava polo feito de que "cada vez máis poboación se move cara a núcleos máis grandes que habitualmente foron desgaleguizados". Por iso, cre que compre adoptar medidas "no propio seo da familia, onde hai que favorecer conceptos como a tenrura, a diversión ou o tempo de lecer para transmitir a nosa lingua como algo propio". Pecharon o acto Xosé Luís Armesto e Evencio Ferrero. O primeiro, gabando un curso que se desenvolve "a pé de obra", directamente cos traballadores e traballadoras da lingua. Este ano, incluso coa presenza de nais e pais que falarán directamente sobre as dificultades de transmitirlle o idioma aos seus fillos e fillas. E desexou que o curso, que definiu como "modélico", sirva para axudar a superar "o problema da transmisión interxeracional, que leva á lingua a unha encrucillada".

Para rematar, o Alcalde de Carballo, declarou inaugurado o curso subliñando que "o idioma é patrimonio de todos e todas", pero que "nun país coma o noso aínda ten que haber normas para procurar a súa defensa e protección". Para Ferrero "os que estamos aquí temos que comprometernos necesariamente co idioma" e desexou "que as xornadas sexan altamente proveitosas". O rexedor deu así paso á primeira das conferencias do curso, a cargo do catedrático de Sociolingüística da Universitat d’Alacant, Brauli Montoya, que falou sobre a contextualización e factores determinantes para a transmisión interxeracional da lingua. Montoya amosou o plurilingüismo do curso, ofrecendo o seu relatorio en catalá, tentándoo co galego e aclarando algúns puntos en castelán. A xornada continuou co sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo, que fixo unha análise cuantitativa sobre a fractura da transmisión do galego ás xeracións máis novas, e a profesora, sociolingüista e coordinadora xeral da CGENDL, Valentina Formoso, que analizou esa fractura desde un punto de vista máis cualitativo. Xa pola tarde, está previsto que a comunicadora televisiva e radiofónica Belén Regueira modere un debate-entrevista entre nais e pais, co título «Ás nosas fillas e fillos transmitímoslles o galego, mais...». E para rematar a primeira xornada, Neves Arza, profesora da Universidade da Coruña; Dolores Oubiña, directora da escola infantil A Pastora de Cambados; Ana Abelenda, educadora da Galiña Azul da Laracha; e Rita Iglesias, directora da escola infantil Raiola de Santiago, farán unha exposición e valoración de experiencias lingüísticas da escolarización infantil.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo, cos relatorios e actividades previstas para as próximas xornadas, nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: