Inicio Carballo ao día Hemeroteca II Foro de Mobilidade e Autonomía...

NO FÓRUM CARBALLO OS DÍAS 1, 2, 3, 6 E 7 DE OUTUBRO

II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil: "unha cidade boa para a infancia, é unha cidade boa para todo o mundo"

Mércores 1 de outubro do 2014

Outros datos que reflicten a falta de seguridade nos desprazamentos en vehículos que padecen a diario os cativos e cativas é que o 80 por cento afirma que empregan sempre o cinto cando suben ao coche, pero o 50 por cento tamén asegura que lle avisa aos adultos de que teñen que poñelo tamén, outro "modelo de conduta nocivo", subliña o Concelleiro de Seguridade. Dentro dos datos recollidos, tamén hai espazo para preguntarlle aos nenos e nenas como mellorarían eles a situación. O 30 por cento piden que os vehículos respecten os sinais de tráfico, pero moitos tamén piden que os autobuses teñan cinto de seguridade, que as beirarrúas sexan máis grandes, que os coches corran menos e que paren nos pasos de peóns. Son todas reclamacións que realizan un retrato moi pouco edificante da situación que se vive a diario nas horas punta nos centros de ensino, e que se reflicte en que un 41 por cento dos 806 cativos e cativas quererían que se "quiten os coches dos coles". Por todo o anterior, hai que traballar para concienciar ás persoas de que "é bo camiñar" e que ás veces levar aos nenos e nenas en coche aos coles é perigoso, xa que unha ampla maioría dos mortos en accidentes de circulación se producen en desprazamentos curtos, e dentro deles, moitos nos desprazamentos aos centros de ensino. Á vista dos datos recollidos na enquisa, o Foro quere contribuír a que "a cidade non se pense en función de sectores concretos, senón tamén en función dos nenos e nenas", di Regueira, porque "un ambiente urbano no que un neno ou nena viva con normalidade é un ambiente urbano no que un adulto tamén pode facelo".

O transporte e o concepto de cidade

Para o Concelleiro de Seguridade, habería que mudar as veces as formas que temos de desprazarnos, xa que "Carballo ten amplas bolsas de aparcamento gratuíto en todo o perímetro do centro urbano", espazos que están en moitos casos a cinco minutos ou menos camiñando da Praza do Concello e do centro, pero que moita xente non aproveita. Por iso, no Foro ofrecerase durante cinco días un espazo para reflexionar, en verbas de Regueira, sobre "cuestións que lle preocupan á sociedade de Carballo", para "prestarlle atención ás cousas que queiran contarnos estas persoas pequeniñas" e para conseguir que os nenos e nenas "gocen de Carballo con seguridade e tranquilidade, e nos alegren a vida cos seus xogos". Despois da presentación do Concelleiro de Seguridade, foi a quenda da psicóloga Nerea González, que falou sobre "Malos hábitos sociais e autonomía infantil", achegando ideas como que "a cidade de hoxe en día está adaptada para un adulto novo" excluíndo a outros colectivos como os nenos e nenas ou os maiores; ou que hai que "repensar" as contornas urbanas para que os cidadáns se sintan parte delas. Para rematar a primeira xornada, o ambientalista de Adega Fins Eirexas falou sobre Mobilidade Sustentábel, e, nas súas verbas, "a actual administración está apostando por un modelo de transporte insustentábel. Necesitamos unha mudanza radical do modelo de mobilidade". O xoves 2 de outubro a actividade continúa, tamén de 11.00 a 13.30 horas, co arquitecto municipal, Alfredo Garrote; e coa Concelleira de Mobilidade de Pontevedra, Carme da Silva. Os interesad@s poden descargar o programa completo do foro nesta mesma nova.

Compartir: