Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os pavillóns municipais acollen unha Exhibición...

SÁBADO 4 DE OUTUBRO A PARTIR DAS 11.00 HORAS

Os pavillóns municipais acollen unha Exhibición de deporte adaptado para achegar este tipo de práctica á veciñanza

Mércores 1 de outubro do 2014

Chelo García, directora do Colexio Artai, e Joaquín Moreira, presidente do CB Artai, explicaron que no centro xa se comezou a traballar o curso pasado con nenos e nenas con necesidades especiais, introducíndoos na práctica deportiva con varias sesións semanais de adestramentos. Para García, a experiencia foi altamente positiva, creándose un grupo tamén con cativos e cativas doutros centros de ensino que tiveron unha excelente resposta. Moreira, pola súa banda, tamén quixo resaltar a actividade, cunha nai que incluso aseguraba que a experiencia deportiva durante tres meses fora máis útil para a súa filla "que sete anos de psicólogos". Por estes motivos, uníronse con Cantelar e co Concello para sacar adiante esta xornada de exhibición que ten arela de converterse máis adiante nunha actividade regrada, con grupos semanais con persoas que poidan practicar decotío deportes como a natación, o baloncesto e o fútbol adaptado. O Alcalde, Evencio Ferrero, salientou que "hai que procurar espazos de convivencia e socialización para todas as persoas" porque "o deporte non debe de ter barreiras", senón máis ben ao contrario, contribuír á integración. Por último, desexou que a xornada do sábado "derive nalgo permanente" e nunha práctica deportiva máis das que xa se desenvolven con éxito no municipio. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da iniciativa nesta mesma nova.

Compartir: