Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chega ao FIOT a novidosa Escola do Espectador, un...

OS MARTES 7, 14, 21 E 28 DE OUTUBRO, DE BALDE, NO PAZO DA CULTURA

Chega ao FIOT a novidosa Escola do Espectador, un espazo para axudar ao público a comprender mellor o teatro

Xoves 2 de outubro do 2014

Preguntamos a Camilo Franco qué é ser espectador? "Somos espectadores sen darnos moita conta, asegura. "En realidade, somos máis espectadores que outra cousa ao longo da vida", engade. Durante estas sesións, o crítico intercambiará cos asistentes ideas sobre o que eles consideran ser "espectador" para convertelos en "espectadores activos". Neste sentido, reflexionarán sobre o espazo do teatro como o lugar óptimo no que entrenarse porque "é onde podemos exercer a observación sen que cause mal a quen observa e para aprender a mirar antes de falar". Durante as catro sesións, condutor e asistentes abordarán os distintos discursos dunha obra de teatro (textual, xestual, voces, lumínico, etc.) e a súa adecuada coordinación. Outro tema será a interpretación dos actores/actrices e a variación da historia en función da súa actitude, abordando a difícil relación entre a responsabilidade do intérprete e a do director ou "a quen botarlle a culpa se todo vai mal", reflexiona cun punto de ironía Franco. Ao longo do curso utilizaranse como referencia os espectáculos que van pasar pola 23ª edición do FIOT ademais do fío condutor desta edición, o teatro clásico, as obras de Shakespeare e Lope de Vega. Así, unha parte do temario tamén se reservará para explicar como vai cambiando a visión dos clásicos, en especial das obras que forman parte do programa, de maneira que esa lectura diferente segundo as épocas non responde tanto ao cambio da obra como ao cambio dos espectadores e ao xeito de entendela.

Os interesados e interesadas en anotarse na Escola do Espectador poden facelo no enderezo electrónico <fiot.carballo@gmail.com> desde o 1 de outubro. A asistencia é libre. Para máis información, poden contactar coa organización do FIOT no 981 704 300, extensión 2, ou a través do mesmo correo electrónico.

Compartir: