Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo traballa nun modelo de mobilidade que...

CONCLUSIÓNS DA SEGUNDA XORNADA DO FORO DE MOBILIDADE

Carballo traballa nun modelo de mobilidade que prime a seguridade dos peóns e humanice o centro urbano

Xoves 2 de outubro do 2014

Na súa intervención, Mosquera botou por terra moitas das ideas preconcibidas que existen arredor da mobilidade, como os supostos prexuízos de eliminar prazas de aparcamento no centro. Todo o contrario. "O problema -dixo- é que cando tes catro prazas hai 400 que aspiran a aparcar nelas, e veña a dar voltas e a saturar as rúas e a estropealo todo. Claro que ten que haber estacionamentos, pero hai que ordenalos". En Carballo, á vista dos datos, o que sobra é onde aparcar. O arquitecto municipal, Alfredo Garrote, que tamén interveu no foro, dou a cifra: hai 300 prazas por cada 1.000 habitantes, unha ratio moi superior á media. Sen contar as zonas cedidas provisionalmente polos donos dos terreos, no casco urbano existen 9.400 prazas de aparcamento en rede viaria e 282 en espazos abertos públicos (Centro Comercial Bergantiños, Fórum, etc.). Segundo os expertos, non só non faltan, senón que sobran, sobre todo nunha vila na que a distancia máis longa a pé non pasa dos 30 minutos. O problema, segundo se está a poñer de relevo, radica en mudar unha mentalidade arraigada ao modelo tradicional de mobilidade para construír unha vila cómoda e segura para as persoas, onde os maiores poidan saír pasear sen medo e os nenos e nenas poidan ir camiñando ao colexio sen riscos. "A mobilidade peonil é a forma máis natural e básica de desprazarse", sinalou Mosquera.

Nese sentido, en Pontevedra estableceuse unha orde de prioridades entre modos de mobilidade: primeiro, peonil; segundo, bicicleta; terceiro, transporte público; e cuarto, automóbil privado. En caso de conflito, sempre teñen preferencia os peóns, e se hai que cambiar de nivel que o fagan os coches, non as persoas, que é o que se consigue cos pasos elevados. A concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, que presentou o acto, asegurou que os obxectivos están claros e que dende o goberno municipal estase a traballar "sen présa pero sen pausa" nun modelo que permita "humanizar o espazo público" garantindo os diferentes usos que deben facerse dese espazo. O Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, considera que non ten que haber dificultades para peonalizar o centro de Carballo e que urxe tomar medidas que, na súa opinión, deberían ir acompañadas dunha maior demanda social. O II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil continúa o venres 3 de outubro pola tarde. Ás 17.30 intervirá Carme Loureiro, psicóloga e especialista en intelixencia emocional, que falará sobre "Sobreprotección e autonomía infantil". Ás 18.30 horas, Diana Parente, criminóloga e oficial de Policía, referirase a "Prevención primaria". Durante toda a tarde, ademais, estará instalado un parque de tráfico na Praza dos Bombeiros Voluntarios no que os nenos e nenas estarán atendidos mentres os seus pais asisten ás xornadas.

Compartir: