Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os campións de España do Sysca, Valeria Gómez e...

O ALCALDE FELICITOUNOS E ENTREGOULLES UNS AGASALLOS

Os campións de España do Sysca, Valeria Gómez e Adrián Martínez, festexan no Concello os seus éxitos deportivos

Venres 3 de outubro do 2014

Valeria e Adrián mostráronse tímidos á hora de asinar e agradeceron moito o regalo, así como as felicitacións do Alcalde, que agora que xa hai mundialistas, asegura que "o grande reto do deporte en Carballo sería ter un deportista olímpico". O presidente de Sysca, Pedro Lantes, o adestrador Óscar Vázquez, e os concelleiros Marcos Trigo e Inés Rodríguez tamén estiveron neste sinxelo e distendido acto que transcorreu entre bromas e a alegría dos campións. Hai que mencionar que a proba na que obtiveron as medallas foi a de bandeiras, unha disciplina de grande esforzo físico na que cada participante ten que coller un estandarte que se encontra ás súas costas, a uns 10 metros. Ademais deste éxito sen precedentes a nivel carballés, e sobre todo por facer tan bo papel nun mundial, tamén hai que mencionar que Valeria Gómez logrou o campionato de España en categoría xuvenil, foi primeira autonómica en todas as categorías e tamén foi campioa absoluta na proba de bandeiras de salvamento. Nese palmarés, hai que engadir que foi a mellor nos Xogos Náuticos do Atlántico. Agora xa se está preparando para novas competicións, xa que o próximo ano son os campionatos de Europa absolutos, nos que de repetirse os resultados do Mundial de Montpellier, Valeria gañaría o ouro; e dentro de dous anos volve o Campionato do Mundo, nesta ocasión en Holanda, un dos países con máis competidoras entre os primeiros postos.

Compartir: