Inicio Carballo ao día Hemeroteca Seis rutas conforman a terceira edición do Outono...

ENTRE O 12 DE OUTUBRO E O 30 DE NOVEMBRO

Seis rutas conforman a terceira edición do Outono en Marcha de Senda Nova, unha boa maneira de coñecer a nosa contorna

Martes 7 de outubro do 2014

A organización encargáse do transporte dos participantes dende os lugares de saída até os sitios de comezo da marcha. Todos os roteiros son de xornada completa e adoitan acudir tanto expertos na comarca bergantiñá como xente da zona polas que discorren para explicar os detalles de cada espazo que se vai visitando. Así mesmo, a organización recomenda levar calzado (a poder ser impermeable) e roupa axeitada, mochila, impermeable, navalla e gorra, facendo Senda Nova especial fincapé, polas datas destas rutas, na roupa impermeable. Así mesmo, a organización prega puntualidade, espírito de convivencia e que se respecten as normas da organización e de Protección Civil, que acompaña aos participantes en cada saída. Respecto do calendario de rutas polo miúdo, as súas características son as seguintes:

  • Senda das Capelas: 12 de outubro. Transcorre polo Concello da Laracha, pola parroquia de Santa Margarida de Montemaior e percorre aproximadamente 16 quilómetros, cunha dificultade media. Neste caso, e por proximidade xeográfica, a saída dende o Concello da Laracha farase ás 8.30 e non ás 8.00 horas como é o habitual.
  • Vía Alcaianus: 19 de outubro. Conta con 20 quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns.
  • Razo-Baldaio para protexer: 26 de outubro. Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, este percorrido realízase en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media-baixa.
  • Terras do Marqués: 9 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas. Distancia: 14 quilómetros.
  • Ruta das Férvedas: 23 de novembro. Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel. A distancia é de 15 quilómetros.
  • Tras as pegadas do wolframio: 30 de novembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros

Hai que subliñar que continúan as actividades paralelas que se implantaron por primeira vez na Primavera en Ruta 2014: "Apaña2", "Aprendendo con Evaristo" e "Eu camiño, eu escribo". No primeiro caso, trátase de que os participantes nas rutas recollan de xeito voluntario e de forma grupal parte do lixo que se atopa durante os percorridos. "Aprendendo con Evaristo" suporá o reparto de fichas con preguntas referentes ás zonas e lugares concretos de importancia natural e cultural da zona. Esas fichas serán cubertas durante a ruta ou tamén a posteriori e serán entregadas ao persoal da asociación que, ao final do programa, establecerá premios para as mellores. Por último, "Eu camiño, eu escribo" consiste na realización de escritos nos que se reflictan as vivenzas dos participantes durante as rutas. Os interesados/as poden descargar un tríptico con información das rutas e do programa nesta mesma nova nun documento en pdf. Tamén pode obterse máis información en <www.sendanova.org> ou no enderezo electrónico <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 696 155 232. Tamén é posible ver un vídeo promocional da actividade a través de Youtube, máis abaixo nesta mesma nova:

Compartir: