Inicio Carballo ao día Hemeroteca A estrea de "Bobas&Galegas" abre as funcións de...

RON LALÁ RECIBE O DOMINGO 12 O PREMIO DO PÚBLICO

A estrea de "Bobas&Galegas" abre as funcións de sala do FIOT 2014 nunha fin de semana na que continúa a Rúa dos Contos

Xoves 9 de outubro do 2014

Seguindo coa programación de sala, o domingo 12 é a quenda de Ron Lalá, compañía madrileña que recollerá o Premio do Público 2013 antes de representar "En un lugar del Quijote" (na imaxe), unha versión libre e contemporánea da novela de Miguel de Cervantes. Volven ao FIOT tras o éxito colleitado o ano pasado entre o público carballés con "Siglo de oro, siglo de ahora (Folía)". Os cinco membros do elenco (Juan Cañas, Íñigo Echevarría, Miguel Magdalena, Daniel Rovalher e Álvaro Tato), baixo a dirección de Yayo Cáceres, evocarán o universo cervantino e unha das obras referencia da literatura española nunha biblioteca imaxinaria. Alí, o fidalgo Alonso Quijano recrea as súas marabillosas aventuras como cabaleiro andante mentres Miguel de Cervantes escribe a súa obra mestra. Esta coprodución coa Compañía Nacional de Teatro Clásico é unha mirada moderna, profunda e iconoclasta a un mito sempre vivo, na que se combina o culto e o popular, o xogo e a reflexión, a maxia e a rebeldía, a palabra e a música en directo e se mestura o humor presente no clásico coa comicidade intelixente que caracteriza a Ron Lalá. Os madrileños ganaron o Max 2013 como mellor produtora privada, foron finalistas ao Max con esta obra ao mellor espectáculo de Teatro Musical 2014, coa que tamén percorreron os máis importantes festivais de teatro clásico de España.

Remata a Rúa dos ContosA segunda e última fin de semana da XVI Rúa dos Contos xuntará en tres días nomes coñecidos, unha estrea e o apoio á tradición oral galega é á edición no noso idioma. O venres 10, ao finalizar a función de sala, o Mago Teto (23.00h, entrada 3€) esperará ao público na cervexaría A Bombonera co seu espectáculo "As novas tolemaxias". Hora e media máis tarde (00.30h, 4€), o monologista David Amor -moi vinculado a Carballo por ter vivido unha tempada na vila a través do balonmán - faranos rir co seu show máis íntimo "Fuera de sitio". Será na cervexaría A Boa Estrela. O sábado 11 os contos serán os protagonistas absolutos con sesión dobre no 2º andar do Mercado Municipal (entrada conxunta de 6€). O polifacético clown Antón Coucheiro escolleu a Rúa dos Contos para estrear o seu espectáculo máis ambicioso, "Psicópata", realizado coa colaboración dun amplo equipo artístico, dirixido por Manuel Cortés, coautor do texto con Coucheiro. Xa na presentación do espectáculo a semana pasada asegurounos que esta comedia negra "mataranos de risa". continuación, (22.30h) Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín presentarán "Os contos de Joselín". Estes dous grandes narradores galegos contemporáneos evocarán o legado de José Rodríguez Vicente, o contador de historias de máis éxito de todo o século XX, ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine e supervendas discográfico. Cerrará a noite a cantautora galega Palito co seu novo disco. Será ás 00.30h no pub A Reserva con entrada a 3€.

O domingo festivo e feira en Carballo, o teatro tiña que estar representado dalgunha forma. As artes escénicas animarán as rúas da vila a partir das 12.30 horas co espectáculo de clown e cabezudos motorizados de Velociclopes. Dando por finalizada a programación desta segunda semana do FIOT e da XVI Rúa dos Contos, Evaristo Calvo, a metade de Mofa e Befa, repite no Outono de Teatro en solitario con "O turista madrileño" (23.00h, entrada libre) no pub O'Patacón. Humor a cargo dunha das personaxes televisivas máis necias interpretada maxistralmente por Calvo e creado polos guionistas Andrés Mahía, Carlos Ares "Parrocho" e Xosé Castro "Pato".

Compartir: