Inicio Carballo ao día Hemeroteca Escola Lubiáns e Cáritas...

O SÁBADO 11 DE OUTUBRO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS

Escola Lubiáns e Cáritas únense para promover a doazón dun kilo de alimentos durante a presentación da nova tempada

Venres 10 de outubro do 2014

Dende Escola Lubiáns queren animar a que o maior número de público posible se achegue ao pavillón e que ninguén esqueza levar o kilo/litro de alimentos, confiando en incrementar a participación do ano pasado, en que se encheron dous carros de produtos. Francisco Suárez, director de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, quixo subliñar a solidariedade dos veciños e veciñas e do club, salientando o incremento nos últimos tempos da cantidade de doazóns en xeral que recibe a súa entidade, e tamén das doazóns que se rexistran en actos solidarios como o que Lubiáns prepara para o sábado. Transmitiu, así mesmo, o agradecemento de todos os veciños e veciñas que recorren a Cáritas e se benefician de iniciativas como esta. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou a importancia de axudar a familias que o están pasando mal e que grazas á solidariedade poden cubrir as súas necesidades básicas. Desexou que as doazóns vaian a máis cada ano, especialmente para axudar a nenos e nenas con dificultades, e felicitou tanto a Lubiáns como a Cáritas pola iniciativa. A cita tamén contou coa presenza do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; da Concelleira de Benestar, Inés Rodríguez; e de numerosos membros da directiva de Escola Lubiáns.

Compartir: