Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Oktoberfest cumpre cinco anos aumentando a...

ENTRE O XOVES 16 E O DOMINGO 19 DE OUTUBRO NA RÚA PERÚ

A Oktoberfest cumpre cinco anos aumentando a capacidade da carpa, a variedade de cervexas e incorporando a solidariedade

Mércores 15 de outubro do 2014

Ademais de variacións na bebida, coas novas incorporacións, tamén as hai na comida. A maiores dos pratos que xa son coñecidos, como o bocadillo de salchicha con queixo e leituga ou o cocktel con tres tipos de salchichas alemás, incorpóranse, pensando nas merendas, mini hamburguesas con cocho branco, tenreira e patacas a 6 euros ou as racións de patacas a 2 euros con varios tipos de salsas. Así mesmo, incorpórase un postre xeado por primeira vez, en vaso e de nata, chocolate ou fresa por 2,5 euros. Juan Fernández Cancela, que estivo resumindo as características da Oktoberfest 2014 xunto co Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén subliñou a incorporación da solidariedade á festa da cervexa. Así, haberá un espazo na carpa co obxectivo de que cada ano se destine a unha causa distinta. Trátase dunha recadación independente da Oktoberfest na que os cartos irán integramente destinados para a causa do ano en cuestión. Este ano, a solidariedade irá destinada a José Mato, membro de 13 Lagartos e incondicional da Oktoberfest. Os asistentes poderán gardar a roupa por un euro e axudarán así a este carballés. Por último, a Oktoberfest sempre conta con música e actuacións en directo, que este ano correrán a cargo de Lowcos, Stoner Hill, Roce de Juliette, A Banda de Balbina, Not only Shills e Paco Felípez y los Quei. Ademáis, o domingo pola tarde, a partir das 17.00 horas, estará dispoñible un circuíto de karts a pedais para nenos e nenas de 4 a 10 anos a carón da carpa, así como espectáculos de baile moderno coa Escola da Rúa e a actuación do grupo de gaitas Lembranzas de Bergantiños.

Xosé Regueira quixo subliñar que é un "privilexio" presentar unha cita destas características que xá e un referente para o outono carballés xunto con outras como o FIOT, incluíndo as actividades paralelas do festival como son a Rúa dos Contos ou a iniciativa "Dálle un bocado ao FIOT" entre os locais de hostalería. Todo isto fai que "a oferta do outono en Carballo sexa unha das máis potentes de Galicia", segundo sinala Regueira. Lembra que o Concello colabora co circuíto de karts a pedais para seguir incidindo na educación viaria e na mobilidade e espera que sexa moita a xente que se pase pola carpa a "consumir cervexa con responsabilidade". O Alcalde de Carballo, habitual da cita, espera tamén que a Oktoberfest sexa un éxito, non só por contar con "cervexa de moita calidade como a Paulaner", senón polo "ambiente extraordinario" que se crea. Tamén salientou que Carballo conta cun "mes de outubro cargadiño" pero no que "dá gusto ver este tipo de iniciativas empresariais" que espera "sigan apostando por Carballo". A apertura da carpa e inauguración está prevista para o xoves 16 ás 19.30 horas, mentres que o venres e sábado a apertura será ás 19.00 horas e o domingo ás 17.00 horas. Os interesados e interesadas, poden ter información cumprida da Oktoberfest a través de Facebook, clicando aquí.

Compartir: