Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado por un millón de euros o contrato...

A ADXUDICATARIA É UNHA UTE FORMADA POR LÓPEZ CAO E RAMÓN VÁZQUEZ

Asinado por un millón de euros o contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

Xoves 16 de outubro do 2014

Ao mesmo tempo que se daban os pasos para ratificar a rescisión, abriuse un proceso de licitación para poder realizar unha nova contratación ao que se presentaron un total de 17 empresas. Mantivéronse exactamente as mesmas condicións que no anterior prego, cunha única modificación para bonificar a redución do prazo de execución dos traballos, que finalmente pasou de oito a catro meses. A urxencia á hora de realizar a nova adxudicación estivo determinada polo feito de que os traballos están cofinanciados nun 70 por cento con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Así, o prazo de xustificación que esixe a UE (Unión Europea) para conceder a subvención remata en marzo de 2015, cando a obra debería estar executada. Coa nova adxudicación do proxecto, e de cumprirse o prazo de execución ofertado pola UTE Anllóns Bardoso I, deberían poder certificarse os traballos a tempo e cumprir así cos prazos estipulados pola UE. Dentro do proxecto para mellorar o abastecemento de auga a Carballo, nestes momentos xa están en execución os traballos da Fase II, unha actuación que está sendo realizada pola UTE formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). Nestes momentos as obras marchan por diante do cronograma temporal previsto, e a UTE confía en que a finais de outubro ou primeiros de novembro xa se poda colocar o depósito de auga bruta incluído na actuación. Sumando os importes dos dous contratos, incluídas as melloras sen custo adicional ofertadas námbolos dous casos, o orzamento total para mellorar o abastecemento de auga a Carballo rolda os catro millóns de euros.

Compartir: